Referencia Normativa: D. 229/2011
CAPÍTULO III
Escolarización
Escolarización
Artigo 15. Principios xerais.
A escolarización do alumnado nos centros
docentes sostidos con fondos públicos en que se imparten as ensinanzas
establecidas na Lei orgánica 2/2006, de educación, atenderá á liberdade
de elección de centro, aos principios de normalización e inclusión, ás
circunstancias persoais de cada alumna e alumno, aos recursos
existentes, aos informes e ditames dos servizos de orientación e á
flexibilidade e reversibilidade, na busca dun ensino de calidade e do
desenvolvemento persoal e social do alumnado. De acordo cos ditos
principios, priorizarase a escolarización do alumnado con necesidades
educativas especiais nos centros ordinarios fronte ás unidades ou aos
centros de educación especial.
Artigo 16. Modalidades de escolarización.
1. Considéranse modalidades de escolarización:
a) A escolarización en centros
ordinarios, en que se poderán crear ou autorizar unidades de educación
especial. Igualmente, determinados centros ordinarios poderán ser
habilitados, pola consellería con competencias en materia de educación,
como centros de escolarización preferente.
b) A escolarización en centros de educación especial.
c) A escolarización combinada entre un
centro ordinario e un centro de educación especial. Para os efectos de
escolarización, as unidades de educación especial nos centros ordinarios
terán a consideración de centros de educación especial.
2. No caso das escolarizacións
combinadas entre un centro ordinario e un centro de educación especial, o
alumnado pertencerá, para efectos académicos e administrativos, ao
centro educativo que se determine na resolución da xefatura territorial
correspondente. O profesorado de ambos os centros coordinarase no
proceso de planificación, atención e avaliación deste alumnado.
3. A escolarización do alumnado nunha
modalidade diferente da ordinaria estará sometida a un proceso de
revisión periódica por parte da xefatura do Departamento de Orientación
correspondente, que será trimestral en educación infantil e, cando
menos, anual nas demais ensinanzas. Cando, a partir desa revisión, se
conclúa que é necesario un cambio na modalidade de escolarización, este
deberá solicitarse á xefatura territorial correspondente, quen
resolverá.
Artigo 17. Escolarización nos centros ordinarios.
1. Os centros ordinarios constitúen o referente básico para os efectos da escolarización.
2. A escolarización en educación
infantil poderá, excepcionalmente, aumentarse ou reducirse nun ano
respecto do establecido con carácter xeral, en función, respectivamente,
das necesidades educativas especiais ou das altas capacidades do
alumnado. En ningún caso se poderá permanecer en educación infantil máis
alá do ano natural en que se cumpran os sete de idade nin comezar a
educación primaria antes do ano natural en que se cumpran os cinco anos.
3. Cando en educación infantil, de
acordo co procedemento establecido, se opte pola permanencia dunha nena
ou neno con necesidades educativas especiais un ano máis no primeiro
ciclo, a súa incorporación ao segundo ciclo realizarase ao primeiro
curso dese ciclo, aínda que non se axuste ás condicións de idade
requiridas con carácter xeral. Este alumnado poderá optar á reserva de
prazas establecida con carácter xeral para o alumnado con necesidade
específica de apoio educativo que se escolariza no primeiro curso do
segundo ciclo de educación infantil.
4. A escolarización en educación
primaria poderá, excepcionalmente, aumentarse ou reducirse nun ano
respecto do establecido con carácter xeral, en función, respectivamente,
das necesidades educativas especiais ou das altas capacidades do
alumnado. En ningún caso se poderá permanecer en educación primaria máis
alá do ano natural en que se cumpran os quince de idade nin comezar a
educación secundaria obrigatoria antes do ano natural en que se cumpran
os dez anos.
5. A escolarización en educación
secundaria obrigatoria poderá, excepcionalmente, aumentarse ou reducirse
nun ano respecto do establecido con carácter xeral, en función das
necesidades educativas especiais ou das altas capacidades do alumnado,
respectivamente. En ningún caso se poderá permanecer en educación
secundaria obrigatoria máis alá do ano natural en que se cumpran os
dezanove anos, agás en unidades ou centros de educación especial, que se
poderá prolongar ata o ano natural en que se cumpran os vinte e un de
idade.
Artigo 18. Escolarización en centros ordinarios de escolarización preferente.
1. A consellería con competencias en
materia de educación poderá habilitar centros ordinarios como centros de
escolarización preferente, coa finalidade de lle proporcionar a
atención educativa ao alumnado con necesidades educativas especiais que,
polas súas singulares características, precise recursos humanos ou
materiais específicos de difícil xeneralización nos centros ordinarios
sostidos con fondos públicos.
2. O procedemento de escolarización nos
centros ordinarios de escolarización preferente do alumnado con
necesidades educativas especiais que requira eses recursos ou materiais
específicos realizarase conforme o establecido para os centros de
educación especial.
Artigo 19. Escolarización en unidades de educación especial.
1. A consellería con competencias en
materia de educación poderá crear ou autorizar unidades de educación
especial en centros ordinarios cando se entenda como o recurso máis
adecuado para atender as necesidades educativas especiais de determinado
alumnado, facilitando a participación e a posibilidade de compartir
actividades e espazos do centro ordinario que favorezan a inclusión.
2. A escolarización do alumnado en
unidades de educación especial, combinada ou a tempo completo, e a
organización da súa atención educativa, estarán suxeitas ás mesmas
condicións e procedementos que os dispostos para os centros de educación
especial.
3. A escolarización do alumnado a tempo
completo nunha unidade de educación especial poderá prolongarse un
terceiro ano en educación primaria e un cuarto en educación secundaria
obrigatoria, nos termos establecidos pola consellería con competencias
en materia de educación e respectando o límite de 15 anos nas unidades
dos centros ordinarios de educación primaria e de 21 anos nos de
educación secundaria obrigatoria, cumpridos, en ambos os casos, no ano
natural en que remata o curso escolar.
4. Os proxectos educativos dos centros
ordinarios que conten con unidades de educación especial incluirán os
aspectos singulares da organización e funcionamento que as caracterizan.
Artigo 20. Escolarización en centros de educación especial.
1. Enténdese por centro de educación
especial aquel onde se escolariza, exclusivamente, alumnado con
necesidades educativas especiais que require modificacións
significativas do currículo en parte ou en todas as áreas ou materias e
que precisa da utilización de recursos moi específicos ou excepcionais,
necesidades que non poden ser atendidas e recursos que non se poden
facilitar dentro das medidas de atención á diversidade dos centros
educativos ordinarios.
2. A escolarización nos centros de
educación especial realizarase segundo o procedemento que estableza a
consellería con competencias en materia de educación.
3. A competencia para a escolarización
nos centros de educación especial corresponde á xefatura territorial e
deberá contar co ditame de escolarización emitido polos servizos de
Orientación, co informe do Servizo de Inspección Educativa e coa
manifestación por escrito da vontade das nais, pais ou titores e titoras
legais.
4. O alumnado escolarizado a tempo
completo nun centro de educación especial poderá prolongar a súa
escolarización un terceiro ano en educación primaria e un cuarto en
educación secundaria obrigatoria, nos termos establecidos pola
consellería con competencias en materia de educación e respectando o
límite de 21 anos de idade para a permanencia do alumnado nos centros de
educación especial, cumpridos no ano natural en que finaliza o curso
escolar.
5. As ensinanzas nos centros de
educación especial e nas unidades de educación especial dos centros
ordinarios abordarán unha educación básica obrigatoria e unha formación
profesional adaptada e de transición á vida adulta. A educación básica a
que se refire o punto anterior terá unha duración mínima de dez anos e
centrarase no desenvolvemento dos obxectivos e competencias básicas no
grao en que as características persoais do alumnado o posibiliten. A
formación profesional adaptada estará encamiñada á adquisición de
competencias profesionais e das habilidades da vida diaria que lle
permitan ao alumnado desenvolverse coa máxima autonomía posible. Esta
formación, de ser o caso, poderá ter efectos de acreditación das
competencias profesionais adquiridas en relación co Sistema Nacional de
Cualificacións e Formación Profesional. A consellería con competencias
en materia de educación establecerá a ordenación das ditas ensinanzas.
6. Os centros de educación especial,
para efectos de organización e funcionamento, contarán con regulación
específica adaptada ás súas peculiaridades. É competencia da consellería
con competencias en materia de educación esa regulación.
7. Nos termos que estableza a
consellería con competencias en materia de educación, os centros de
educación especial poderán constituírse como centros de recursos
específicos, poñendo á disposición dos centros ordinarios os materiais e
recursos de que dispoñen, centralizando os recursos máis especializados
e exercendo os labores de asesoramento e atención ambulatoria que se
determinen. Igualmente, fomentarán o intercambio de experiencias e a
difusión de boas prácticas docentes.