Debemos acadar un sistema educativo de calidade, inclusivo, que garanta a
igualdade de oportunidades e faga efectiva a posibilidade de que cada alumno e
alumna desenvolva ao máximo as súas potencialidades.
Debemos promover a potenciación da aprendizaxe por competencias, integradas nos elementos curriculares para propiciar unha
renovación na práctica docente e no proceso de ensino e aprendizaxe.
En Primaria e en Infantil propóñense novos enfoques na
aprendizaxe e na avaliación, que van supoñer un importante cambio nas tarefas
que teñen que resolver os alumnos e as alumnas, e propostas metodolóxicas
innovadoras. Unha competencia supón a combinación de habilidades prácticas,
coñecementos, motivación, valores éticos, actitudes, emocións e outros
compoñentes sociais e de comportamento que se mobilizan conxuntamente para
lograr unha acción eficaz. Xa que logo, as competencias considéranse como
coñecemento na práctica, un coñecemento adquirido a través da participación
activa en prácticas sociais que, como tales, se poden desenvolver tanto no
contexto educativo formal, a través do currículo, coma nos contextos educativos
non formais e informais; conceptualízanse como «un saber facer» que se aplica a
unha diversidade de contextos académicos, sociais e profesionais.
A aprendizaxe baseada en competencias caracterízase pola súa
transversalidade, o seu dinamismo e o seu carácter integral. O proceso de
ensino e aprendizaxe competencial debe abordarse desde todas as áreas de
coñecemento e por parte das diversas instancias que conforman a comunidade
educativa, tanto nos ámbitos formais coma nos non formais e informais; o seu dinamismo reflíctese en que as competencias non se adquirennun determinado
momento e permanecen inalterables, senón que implican un proceso de desenvolvemento
mediante o cal os individuos van adquirindomaioresniveis de desempeño no seu
uso.
Para lograr este proceso de cambio curricular é
preciso favorecer unha visión interdisciplinaria e, de xeito especial,
posibilitarlle unha maior autonomía á función docente, de forma que permita
satisfacer as demandas dunha maior personalización da educación. O rol do
persoal docente é fundamental, pois debe ser quen de deseñar tarefas ou
situacións de aprendizaxe que posibiliten a resolución de problemas e a
aplicación dos coñecementos aprendidos, xa que os contidos están subordinados á
acción.