viernes, 16 de marzo de 2018

Metodoloxías do século XXI


Tal como aparece reflectido na ORDEN ECD 65/205 no seu Anexo II todo proceso de ensino-aprendizaxe debe partir dunha planificación rigorosa do que se pretende conseguir, tendo claro cales son os obxectivos ou metas, que recursos son necesarios, que métodos didácticos son os máis adecuados e como se avalía a aprendizaxe e se retroalimenta o proceso. Os métodos didácticos débense elixir en función do que se sabe que é óptimo para alcanzar as metas propostas e en función dos condicionantes en que ten lugar o ensino. Os métodos elexidos deben ter en conta as áreas, os recursos, as condicións socioculturais do alumnado, as características do alumnado e as súas motivacións, intereses, destrezas, habilidades,... ao fin de propiciar unha aprendizaxe competencial no alumnado. 


O profesorado debe ter o rol de promotor, dinamizador, orientador, facilitador do desenvolvemento competencial no alumnado; ademais,o alumnado debe resolver as secuencias didácticas facendo un uso adecuado dos distintos tipos de coñecementos, destrezas, actitudes e valores.

No actual proceso de inclusión das competencias como elemento esencial do currículo e da necesidade de integrar as Intelixencias Múltiples e de poñer en acción diferentes modelos de pensamento no deseño das secuencias didácticas, é preciso sinalar que calquera das metodoloxías seleccionadas polos docentes para favorecer o desenvolvemento competencial dos alumnos e alumnas se debe axustar ao nivel competencial inicial destes, dos seus intereses, das súas capacidades, motivacións, habilidades polo que treremos en conta un DESEÑO UNIVERSAL DE APRENDIZAXES de tal modo que se parta de aprendizaxes máis simples para avanzar gradualmente cara a outras máis complexas.

Deste xeito, deberanse deseñar actividades que requiran procesos cognitivos de baixo nivel: coñecer, recoñecer, agrupar,...e de alto nivel como planificar, estimar, crear, comparar,...

Exemplo. Contido a desenvolver: identificación dos números naturais do 1 ao 99. Propostas para a adquisición do contido:
  • rodear os números que leven 7 como díxito
  • agrupar os números amigos do 9
  • coller o cadrante do 10 e identificar os números veciños dun dado
  • escribir anterior e posterior a un dado
  • identificar as decena se unidades de......
  • Inventar un problema matemático coa lista da compra do fogar empregando as cantidades de 27, 32, 9, 16
  • argumentar o resultado dun problema
  • gravar un titorial para ensinar a sumar,...



Outro aspecto que debemos contemplar é que, ao ofrecer distintas opcións, para resolver tamén debemos visibilizar a puntuación que obterán por cada exercicio resolto. Como vemos un alumno-a vai xestionando o seu proceso de aprendizaxe pero sabendo en todo momento en que fase está, coñecendo a funcionalidade do que aprende ou como o poden empregar na súa vida cotiá.  Un dos elementos clave no ensino por competencias é espertar e manter a motivación cara á aprendizaxe no alumnado, o que  implica unha nova formulación do papel do alumnado, activo e autónomo, consciente de ser o responsable da súa aprendizaxe.

Os métodos docentes deberán favorecer a motivación por aprender nos alumnos e alumnas e, para tal fin, os profesores deben ser quen de xerar neles a curiosidade e necesidade por adquirir os coñecementos, as destrezas e as actitudes e valores presentes nas competencias.

As metodoloxías deben ser contextualizadas e que requiran un papel activo do alumnado en canto que toma decisións, aplica os coñecementos en situacións reais da súa vida familiar (lista da compra, deseño de menús saudables, uso consumo responsable de luz ou auga,...) xa que deste xeito os coñecementos serán transferibles e moito máis duradeiros. Esta forma de aprender fai que o alumno-a teña máis motivación e interese por aprender.  Outro aspecto é a importancia de que aprendan de forma cooperativa ou colaborativa cos demáis compañeiros xa que implica o intercambio verbal, a toma de decisións, acatar as decisións do grupo, escoitar, valorar,... Un cobertor para este tipo de metodoloxías debe ser o uso creativo das TIC que nos encamiña cara as TAC, Tecnoloxías para a aprendizaxe e o coñecemento.

As secuencias didácticas poden ser:
  • TRABALLO POR PROXECTOS
  • TAREFAS OU ACTIVIDADES INTEGRADAS
  • APRENDIZAXE SERVIZO
  • CENTROS DE INTERESE
  • ESTUDIOS DE CASO
  • APRENDIZAXE BASADA EN PROBLEMAS
  • APRENDIZAXE BASADA NO PENSAMENTO
  • AULA INVERTIDA (flipped classroom)
  • GAMIFICACIÓN
  • DESIGN THINKING



Para saber máis: METODOLOXÍAS DO S. XXI