lunes, 30 de diciembre de 2013

UNHA BENVIDA!



Estamos iniciando unha travesía que nace coa intención de ser compartida. Dende a Xefatura do Dto. de Orientación do centro (T. Domínguez Pérez, Doutora en Psicopedagoxía) pretendemos que este recurso Tic  sexa unha fiestra aberta á realidade social, cultural, familiar, educativa,...un instrumento de comunicación, de interacción, de compromiso entre todas as persoas que conforman a Comunidade Educativa do CRA MESTRA CLARA TORRES. De igual maneira, será un espazo aberto á cidadanía, a todos os docentes e familias que queiran ter un espazo para aprender en comunidade e para medrar xuntos como persoas.
Ten tamén a finalidade de ser unha folla de ruta  para a titoría e a orientación coas familias para que saiban educar máis e mellor e, polo tanto, promoverá que acompañen e guíen os roteiros educativos e os aprendizaxes dos fillos e fillas porque son CORRESPONSABLES da súa educación.
Este blog terá varios menús:  
-Metodoloxía e Intervención Educativa: Neste apartado atoparedes estratéxicas metodolóxicas creativas, activas, globalizadas, cun carácter integral, significativas, contextualizadas,...e tamén propostas de intervención educativa para dar respostas exitosas á diversidade do alumnado e das familias polo que servirá para adecuar metodoloxías, adecuar as estructuras organizativas das aulas, para deseñar programas específicos individualizados,...(art. 8 do D. 229/2011)
-Cine: Tódolos meses publicitaremos propostas para disfrutar co cine, para imaxinar dende o cine...vai ser ESE CINE QUE NOS MIRA.
-Libros para aprender: Visibilizaremos publicacións sobre educacións de temática diversa tanto para familias coma para as persoas docentes.
-Libros para imaxinar: Ler será un camiño para soñar, para descubrir, para sentir,...e por este motivo faremos propostas lectoras para nenos e nenas e tamén para as persoas adultas xa que temos claro que as criaturas nunca serán lectoras e terán gusto pola lectura se os adultos que están ao seu carón nunca están cun libro entre as mans.
-Calendario Competencial: cada curso escolar editarase un calendario con propostas de actividades funcionais e prácticas para desenvolver no contexto familiar para que as aprendizaxes sexan situadas, contextualizadas e para que se desenvolvan no contexto informal. Neste calendario aparecerán mil posibilidades de acción para cada día da semana relacionados co ámbito da autonomía, da corresponsabilidade no fogar, do descubrimento de recantos con encanto, da comunicación lingüística, da toma de decisións, da música, da lectura, do cine,...
-Radioblog: propostas en audio con temática variada (orientacións sobre autonomía, desenvolvemento emocional,  aprender a obedecer,...) para as persoas que non teñen tempo para ler e asi poden escoitar mentras camiñan, mentras fan un xantar ou toman o sol,...
-Aprender a pensar: retos e rutas para ensinar e aprender a pensar.
-Faladoiro: obradoiros para falar de educación
-Aprendizaxe Servizo: Propostas e secuencias didácticas onde o alumnado e as familias aprendan facendo un "servizo" á comunidade. á cidadanía.
-Lexislación: enlaces de normativa educativa e protocolos de atención á diversidade.

Entre todas e todos faremos posible o que a LOMCE 8/2013 nos prescribe:  "A educación é a clave ... para a formación de persoas activas con autoconfianza, curiosas, emprendedoras e innovadoras, ...de crear valor individual e colectivo, capaces de asumir como propio o valor do equilibrio entre o esforzo e a recompensa.
Por outra parte "é necesario adquirir dende idades temperás competencias transversais, como o pensamento crítico, a xestión da diversidade, a creatividade ou a capacidade de comunicar, e actitudes clave como a confianza individual, o entusiasmo, a constancia e a aceptación do cambio. A educación inicial é cada vez máis determinante por canto hoxe en día o proceso de aprendizaxe non se remata no sistema educativo, senón que se proxecta a longo de toda a vida da persoa.

Por todo o anterior, traballaremos "para  propiciar as condicións que permitan o oportuno cambio metodolóxico, de forma que o alumnado sexa un elemento activo no proceso de aprendizaxe.... A globalización e o impacto das Tecnoloxías da Información e da Comunicación fan que sexa distintaa súa  maneira de aprender, de comunicarse, de concentrar a súa  atención ou de abordar unha tarefa".   
A educación é o medio máis adecuado para construír a personalidade do noso alumnado. desenvolver ao máximo as capacidades, conformar a súa propia identidade persoal e configurar a súa comprensión da realidade, integrando a dimensión cognoscitiva, a afectiva e a axiolóxica.
Os principios rectores do noso Departamento de Orientación serán:
  • A inclusión educativa
  • A educación como unha tarefa compartida
  • A participación e a implicación das familias  e da comunidade cidadá.
  • A equidade
  • A igualdade de oportunidades
  • A capacidade de esforzo
  • A alfabetización emocional
  • Aprendizaxe permanente
Os ámbitos que traballaremos serán, entre outros:
  • Atención
  • Escoita activa
  • Memoria
  • Razonamento
  • Educación emocional
  • Formación familiar
  • Conciencia Fonolóxica
  • Lectoescritura
  • Competencias Básicas-Competencias Clave
  • Aprendizaxes Básicas para a vida
  • Estratexías para a autonomía e iniciativa persoal
  • Técnicas e rutas para aprender a aprender
ACOMPAÑÁDENOS  NESTA ANDAINA EDUCATIVA PARTICIPANDO!