Fonte: Protocolo para a intervención psicoeducativa da dislexia e/ou outras dificultades específicas da aprendizaxe, Xunta de Galicia
DEA,
dificultades na lectura
Para poder ler é necesario transformar
un código de signos gráficos, os grafemas, noutro de sons, os fonemas, que é o
que se coñece como decodificación das palabras escritas. Cando un neno ou unha
nena non é capaz de entender como se relacionan os grafemas -letras- cos
fonemas -sons- (por exemplo: asimilar que o dígrafo “ch” son dous grafemas pero
representan un só fonema -/ch/-) vai ter dificultades para ler correctamente,
xerando unha lectura imprecisa con erros varios, tales como: omisións,
substitucións, inversións, adicións,…de letras, sílabas ou palabras, e
importante lentitude ou escasa fluidez da lectura. Estes problemas acaban por
interferir na identificación da palabra e, como consecuencia, no acceso ao seu
significado, véndose afectada, tamén, a comprensión lectora e a escritura.
CARACTERÍSTICAS: falta de precisión na
lectura de palabras, lentitude ou escasa fluidez da lectura e/ou dificultades
de comprensión, poderíase dicir que existe un “trastorno específico da
aprendizaxe”, “con dificultades na lectura” ( DSM-5, páx. 67).
DEA,
dificultades na escritura
En
canto á escritura, é preciso diferenciar entre a escritura produtiva e a
reprodutiva, xa que comportan diferentes demandas cognitivas. Así, a produción
dun texto necesita do sistema semántico/cognitivo, pois nela interveñen
procesos complexos -planificación, xeración de ideas, organización, tradución,
revisión-. Sen embargo, na copia reprodutiva non intervén case ningún deses
procesos. A escritura produtiva de palabras é unha condición necesaria, aínda
que non suficiente, para realizar unha composición escrita. A escritura de
palabras de forma precisa e fluída require coñecementos de tipo fonolóxico,
ortográfico, semántico, morfosintáctico e prosódico.
A maioría dos nenos e das nenas
aprenden a escribir nos primeiros anos da escolaridade, pero a algúns suponlles
un gran esforzo, polo que se, tras ese esforzo, continúan presentando erros
ortográficos, dificultades gramaticais e/ou problemas coa claridade ou
organización da expresión escrita, entón existe “trastorno específico da
aprendizaxe”, “con dificultades da expresión escrita” (DSM-5, páx. 67).
DISLEXIA
Aínda que os problemas de escritura
poden aparecer especificamente -illados da lectura-, no neno e na nena con
dislexia preséntanse problemas tanto na lectura como na escritura; é dicir,
mostran dificultades na lectura, no manexo da ortografía e/ou na lexibilidade
da escritura. De feito, de acordo co DSM-5, a “... dislexia é un termo
alternativo” -ao de dificultades lectoras- “utilizado para referirse a un
patrón de dificultades da aprendizaxe que se caracteriza por problemas co
recoñecemento de palabras en forma precisa ou fluída, deletrear mal e pouca
capacidade ortográfica. Se se utiliza dislexia para especificar este patrón
particular de dificultades, tamén é importante especificar calquera dificultade
adicional presente, como dificultades de comprensión da lectura ou do
razoamento matemático.”
De
acordo co modelo integrador de Frith (1999),
a descrición-explicación da dislexia inclúe tres niveles de análise, que son:
•
No primeiro nivel, nivel biolóxico,
sitúanse as explicacións xenéticas e neurobiolóxicas que dan lugar a unha
disfunción neuropsicolóxica.
•
No segundo nivel, nivel cognitivo,
sitúanse as explicacións baseadas nos déficits cognitivos de procesamento da
información.
•
No terceiro nivel, nivel condutual,
sitúanse as explicacións baseadas nas manifestacións do trastorno que se
observan na persoa.
Estes
niveis, á súa vez, interactúan co
ambiente -familiar, escolar e sistema cultural no que se aprende-.
DEA,
dificultades nas matemáticas
As dificultades con respecto á
aprendizaxe das matemáticas -dismatemáticas- inclúen unha ampla gama de
dificultades, que afectan, fundamentalmente, á comprensión dos números e ao manexo
do cálculo aritmético -discalculia-, véndose afectada, como consecuencia, a
resolución de problemas.Tendo en conta a complexidade das aprendizaxes
matemáticas, o dominio numérico e matemático require a coordinación de varios
procesos cognitivos, tanto básicos -destrezas psicomotoras, percepción,
atención, linguaxe e memoria-, como máis específicos e complexos -razoamento
lóxico, procesamento numérico e estratexias de resolución de problemas-
(Roselli e Matute, 2011).
Cando un alumno ou unha alumna ten
dificultades para dominar o sentido numérico, lle custa memorizar as operacións
aritméticas, se perde na realización do cálculo aritmético e falla no
razoamento matemático, pode establecerse que ten “trastorno específico da
aprendizaxe”, “con dificultade matemática” (DSM-5)
DSM-5, a discalculia “... é un termo alternativo utilizado para referirse a
un patrón de dificultades que se caracteriza por problemas de procesamento da información
numérica, aprendizaxe de operacións aritméticas e cálculo correcto ou fluído.
Se se utiliza discalculia para especificar este patrón particular de
dificultades matemáticas, tamén é importante especificar calquera dificultade
adicional presente como dificultades do razoamento matemático ou do razoamento
correcto das palabras.”