Páginas

miércoles, 5 de febrero de 2020

CONCEPTUALIZACÓN DISLEXIA/DEA 2ª parte


Fonte: Protocolo para a intervención psicoeducativa da dislexia e/ou outras dificultades específicas da aprendizaxe, Xunta de Galicia
DEA, dificultades na lectura
Para poder ler é necesario transformar un código de signos gráficos, os grafemas, noutro de sons, os fonemas, que é o que se coñece como decodificación das palabras escritas. Cando un neno ou unha nena non é capaz de entender como se relacionan os grafemas -letras- cos fonemas -sons- (por exemplo: asimilar que o dígrafo “ch” son dous grafemas pero representan un só fonema -/ch/-) vai ter dificultades para ler correctamente, xerando unha lectura imprecisa con erros varios, tales como: omisións, substitucións, inversións, adicións,…de letras, sílabas ou palabras, e importante lentitude ou escasa fluidez da lectura. Estes problemas acaban por interferir na identificación da palabra e, como consecuencia, no acceso ao seu significado, véndose afectada, tamén, a comprensión lectora e a escritura.
CARACTERÍSTICAS: falta de precisión na lectura de palabras, lentitude ou escasa fluidez da lectura e/ou dificultades de comprensión, poderíase dicir que existe un “trastorno específico da aprendizaxe”, “con dificultades na lectura” ( DSM-5, páx. 67).
DEA, dificultades na escritura
En canto á escritura, é preciso diferenciar entre a escritura produtiva e a reprodutiva, xa que comportan diferentes demandas cognitivas. Así, a produción dun texto necesita do sistema semántico/cognitivo, pois nela interveñen procesos complexos -planificación, xeración de ideas, organización, tradución, revisión-. Sen embargo, na copia reprodutiva non intervén case ningún deses procesos. A escritura produtiva de palabras é unha condición necesaria, aínda que non suficiente, para realizar unha composición escrita. A escritura de palabras de forma precisa e fluída require coñecementos de tipo fonolóxico, ortográfico, semántico, morfosintáctico e prosódico.
A maioría dos nenos e das nenas aprenden a escribir nos primeiros anos da escolaridade, pero a algúns suponlles un gran esforzo, polo que se, tras ese esforzo, continúan presentando erros ortográficos, dificultades gramaticais e/ou problemas coa claridade ou organización da expresión escrita, entón existe “trastorno específico da aprendizaxe”, “con dificultades da expresión escrita” (DSM-5, páx. 67).
DISLEXIA
Aínda que os problemas de escritura poden aparecer especificamente -illados da lectura-, no neno e na nena con dislexia preséntanse problemas tanto na lectura como na escritura; é dicir, mostran dificultades na lectura, no manexo da ortografía e/ou na lexibilidade da escritura. De feito, de acordo co DSM-5, a “... dislexia é un termo alternativo” -ao de dificultades lectoras- “utilizado para referirse a un patrón de dificultades da aprendizaxe que se caracteriza por problemas co recoñecemento de palabras en forma precisa ou fluída, deletrear mal e pouca capacidade ortográfica. Se se utiliza dislexia para especificar este patrón particular de dificultades, tamén é importante especificar calquera dificultade adicional presente, como dificultades de comprensión da lectura ou do razoamento matemático.”
De acordo co modelo integrador de Frith (1999), a descrición-explicación da dislexia inclúe tres niveles de análise, que son:
• No primeiro nivel, nivel biolóxico, sitúanse as explicacións xenéticas e neurobiolóxicas que dan lugar a unha disfunción neuropsicolóxica.
• No segundo nivel, nivel cognitivo, sitúanse as explicacións baseadas nos déficits cognitivos de procesamento da información.
• No terceiro nivel, nivel condutual, sitúanse as explicacións baseadas nas manifestacións do trastorno que se observan na persoa.
Estes niveis, á súa vez, interactúan co ambiente -familiar, escolar e sistema cultural no que se aprende-.

DEA,  dificultades nas matemáticas
As dificultades con respecto á aprendizaxe das matemáticas -dismatemáticas- inclúen unha ampla gama de dificultades, que afectan, fundamentalmente, á comprensión dos números e ao manexo do cálculo aritmético -discalculia-, véndose afectada, como consecuencia, a resolución de problemas.Tendo en conta a complexidade das aprendizaxes matemáticas, o dominio numérico e matemático require a coordinación de varios procesos cognitivos, tanto básicos -destrezas psicomotoras, percepción, atención, linguaxe e memoria-, como máis específicos e complexos -razoamento lóxico, procesamento numérico e estratexias de resolución de problemas- (Roselli e Matute, 2011).
Cando un alumno ou unha alumna ten dificultades para dominar o sentido numérico, lle custa memorizar as operacións aritméticas, se perde na realización do cálculo aritmético e falla no razoamento matemático, pode establecerse que ten “trastorno específico da aprendizaxe”, “con dificultade matemática” (DSM-5)
DSM-5, a discalculia “... é un termo alternativo utilizado para referirse a un patrón de dificultades que se caracteriza por problemas de procesamento da información numérica, aprendizaxe de operacións aritméticas e cálculo correcto ou fluído. Se se utiliza discalculia para especificar este patrón particular de dificultades matemáticas, tamén é importante especificar calquera dificultade adicional presente como dificultades do razoamento matemático ou do razoamento correcto das palabras.”