O trastorno por déficit de atención e hiperactividade (TDAH), tal como se explicita no Protocolo de consenso, responde a un patrón persistente de conduta de desatención, hiperactividade e impulsividade que comeza na idade infantil. Estes patróns constitúen a sintomatoloxía nuclear do trastorno e dan lugar a distintos subtipos de TDAH: hiperactivo-impulsivo, inatento e combinado, que son manifestacións do TDAH en distintas etapas evolutivas. Este último adoita ser o máis frecuente.
O TDAH maniféstase nos distintos ámbitos en que se desenvolven as nenas, nenos e adolescentes (familia, escola, relacións interpersoais, actividades de lecer), en forma de dificultades para agardar, para concentrarse nunha tarefa, para controlar as súas accións e emocións, para planificar e solucionar problemas, etc.