ORIENTACIÓNS PARA
FACILITAR O DESENVOLVEMENTO DE ESTRATEXIAS METODOLÓXICAS ACTIVAS, DINÁMICAS, COMPETENCIAIS
Todo
proceso de ensino-aprendizaxe debe partir dunha planificación rigorosa do que
se pretende conseguir, tendo claro cales son os obxectivos ou metas, que
recursos son necesarios, que métodos didácticos son os máis adecuados e como se
avalía a aprendizaxe e se retroalimenta o proceso.
Os
métodos didácticos débense elixir en función do que se sabe que é óptimo para
alcanzar as metas propostas e en función dos condicionantes en que ten lugar o
ensino. A natureza da materia, as condicións socioculturais, a dispoñibilidade
de recursos e as características dos alumnos e alumnas condicionan o proceso de
ensino-aprendizaxe, polo que será necesario que o método seguido polo profesor
se axuste a estes condicionantes co fin de propiciar unha aprendizaxe
competencial no alumnado. Os métodos deben partir da perspectiva do docente como orientador, promotor e facilitador do
desenvolvemento competencial no alumnado; ademais, débense enfocar á realización de tarefas ou
situacións-problema, formuladas cun obxectivo concreto, que o alumnado debe resolver facendo un uso
adecuado dos distintos tipos de coñecementos, destrezas, actitudes e valores;
así mesmo, deben ter en conta a atención
á diversidade e o respecto polos distintos ritmos e estilos de aprendizaxe
mediante prácticas de traballo individual e cooperativo. Ademais, é necesario secuenciar o ensino de tal modo
que se parta de aprendizaxes máis simples para avanzar gradualmente cara a
outras máis complexas. Un dos elementos clave no ensino por competencias é
espertar e manter a motivación cara á
aprendizaxe no alumnado, o que implica unha nova formulación do papel do alumno, activo e autónomo,
consciente de ser o responsable da súa aprendizaxe.
Os métodos docentes deberán favorecer a motivación por aprender nos alumnos e alumnas e, para tal fin, os profesores deben ser quen de xerar neles a curiosidade e a necesidade por adquirir os coñecementos, as destrezas e as actitudes e valores presentes nas competencias. Así mesmo, co propósito de manter a motivación por aprender, é necesario que os profesores procuren todo tipo de axudas para que os estudantes comprendan o que aprenden, saiban para que o aprenden e sexan quen de usar o aprendido en distintos contextos dentro e fóra da aula (...) en situacións reais (...) que xeren aprendizaxes máis transferibles e duradeiras. (Fonte: Orde ECD 65/2015)