Páginas

jueves, 6 de mayo de 2021

ORIENTACIÓNS METODOLÓXICAS PARA APRENDIZAXES COMPETENCIAIS

 



ORIENTACIÓNS PARA FACILITAR O DESENVOLVEMENTO DE ESTRATEXIAS METODOLÓXICAS ACTIVAS, DINÁMICAS, COMPETENCIAIS

Todo proceso de ensino-aprendizaxe debe partir dunha planificación rigorosa do que se pretende conseguir, tendo claro cales son os obxectivos ou metas, que recursos son necesarios, que métodos didácticos son os máis adecuados e como se avalía a aprendizaxe e se retroalimenta o proceso.

Os métodos didácticos débense elixir en función do que se sabe que é óptimo para alcanzar as metas propostas e en función dos condicionantes en que ten lugar o ensino. A natureza da materia, as condicións socioculturais, a dispoñibilidade de recursos e as características dos alumnos e alumnas condicionan o proceso de ensino-aprendizaxe, polo que será necesario que o método seguido polo profesor se axuste a estes condicionantes co fin de propiciar unha aprendizaxe competencial no alumnado. Os métodos deben partir da perspectiva do docente como orientador, promotor e facilitador do desenvolvemento competencial no alumnado; ademais, débense enfocar á realización de tarefas ou situacións-problema, formuladas cun obxectivo concreto, que o alumnado debe resolver facendo un uso adecuado dos distintos tipos de coñecementos, destrezas, actitudes e valores; así mesmo, deben ter en conta a atención á diversidade e o respecto polos distintos ritmos e estilos de aprendizaxe mediante prácticas de traballo individual e cooperativo. Ademais, é necesario secuenciar o ensino de tal modo que se parta de aprendizaxes máis simples para avanzar gradualmente cara a outras máis complexas. Un dos elementos clave no ensino por competencias é espertar e manter a motivación cara á aprendizaxe no alumnado, o que implica unha nova formulación do papel do alumno, activo e autónomo, consciente de ser o responsable da súa aprendizaxe.

 Os métodos docentes deberán favorecer a motivación por aprender nos alumnos e alumnas e, para tal fin, os profesores deben ser quen de xerar neles a curiosidade e a necesidade por adquirir os coñecementos, as destrezas e as actitudes e valores presentes nas competencias. Así mesmo, co propósito de manter a motivación por aprender, é necesario que os profesores procuren todo tipo de axudas para que os estudantes comprendan o que aprenden, saiban para que o aprenden e sexan quen de usar o aprendido en distintos contextos dentro e fóra da aula (...) en situacións reais (...) que xeren aprendizaxes máis transferibles e duradeiras. (Fonte: Orde ECD 65/2015)