Mostrando entradas con la etiqueta ORIENTACIÓNS ESCOLA-FAMILIA. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta ORIENTACIÓNS ESCOLA-FAMILIA. Mostrar todas las entradas

jueves, 27 de agosto de 2020

PENSAMENTOS EDUCATIVOS PARA UN INICIO DE CURSO SAUDABLE

 


Un novo curso está a piques do seu inicio. Un curso 20-21 complexo, difícil e diferente. Pero, por esa mesma dificultade, APAIXONANTE e EDIFICANTE.
Debemos partir dalgunhas premisas  fundamentais:
-Nun contexto COVID-19 a seguridade total non existe, o risco 0 non podemos nin debemos contemplalo. Sempre existe un risco como acontece nas cafeterías, parques, praias ou rúas ...
-As aprendizaxes presenciais son fundamentais e non se poden substituir por nada xa que son a mellor ferramenta inclusiva e igualitaria.
-A seguridade non só está sustentada na disminución da ratio senón en moitas outras cuestións como crear grupos estables de convivencia, ventilación, limpeza, desinfección ...
-A presencialidade integrará accións para coñecer a competencia dixital do alumnado e familias, o "bó uso das Tic no centro", as carencias e dificultades  de cada contorna familiar en canto a conexión, manexo de plataformas telemáticas, de ferramentas Tic entre outras cuestións.
Establecido o anterior debemos transmitir mensaxes de coherencia, de tranquilidade pois os discursos na prensa escrita, na radio ou na TV están a xerar desacougo entre as familias.
As persoas docentes debemos transformar os nosos esquemas educativos, pedagóxicos, organizativos, metodolóxicos e curriculares pero sen perder calidade educativa innovadora. Nestes momentos a creatividade e a innovación deben ser os nosos ronseis.
Cada centro educativo é diferente en canto a tipoloxía de alumnos e alumnas, profesorado, espazos, recursos, plans, metodoloxía e, por este motivo, cada Comunidade Educativa e cada Equipo Directivo buscará solucións "á carta" para a distribución dos espazos, dos recursos materiais a empregar, do procedemento para o uso da Biblioteca ou patios de recreo, adecuación dos horarios e currículo dende unha perspectiva de flexibilización e co cobertor de aprendizaxes imprescindibles e esenciais.
É incerto que os centros educativos, a día de hoxe, permanezan igual que hai un ano pois durante os meses de xullo e agosto estase apostando por unha organización diferente que dean respostas peculiares sen desbotar proxectos e metodoloxías innovadoras.
Que facer co currículo? Dende a integración das CCCC no currículo lévase demandando un "adelgazamento" do currículo das diferentes etapas e cursos. Pois ben, estamos no momento idóneo para reducilo e adecualo e adaptalo ás necesidades do momento, das capacidades, habilidades, intereses ou motivacións do alumnado e este proceso debe ser realizado por cada equipo docente pois somos os que mellor coñecemos a nosa realidade xa que os imprescindibles dun centro non coinciden cos elexidos por outro centro escolar e os currículo establecidos serán o marco de referencia e nunca ser o marco que afogue.
Logo da valoración e o análise da competencia curricular do alumnado e da posterior adecuación dos contidos imprescindibles e prioritarios das áreas será necesario o deseño de secuencias ou propostas didácticas a través de proxectos, retos, situacións-problema, tarefas integradas, etc. con visibilización de ODS, CCCC ou EMOCIÓNS o que non supón máis currículo senón que están enxeridos nel. 
Todas as eivas atopadas durante os meses de confinamento deben reformularse agora e posibilitar ao alumnado e as familias competencias tecnolóxicas.
Como fomentar a seguridade, as aprendizaxes colaborativas, emocionais mantendo distancias? Agora É O MOMENTO para empregar muros colaborativos, para usar na presencialidade algunha sesión de clase virtual, para crear horarios diferentes que pechen o máis posible o número de docentes cada quincena, para ensinalos a escoitar a través dunha pantalla (por se acaso), para ter foros de opinión nas aulas, para indagar sobre emocións, desigualdades ...pois a educación dos afectos e dende os afectos, a educación sensorial ou a educación emocional deben ser ámbitos para traballar tódolos días. Aquí toca reinventarse pois as nosas voces, as voces do alumnado, as nosas miradas, a nosa xestualidade, a nosa presencialidade  e as voces, xestos, miradas e presencias do alumnado... van ser máis importantes para o desenvolvemento emocional que as clases virtuais no fogar.
Como organizar horarios? Algunha consideración a ter en conta na elaboración de horarios é que deben controlarse o número de docentes por cada grupo cada día. Esto leva retirar os esquemas preconcebidos dos horarios ao longo dos anos. Hai que optimizar os recursos persoais e, para iso, hai que transformar e complementar os perfís docentes. Débense crear GRUPOS DE CONVIVENCIA ESTABLES E SEGUROS e, se o profesorado especialista, itinera ou pasa por todos os grupos ao longo da semana córrese máis risco dun confinamento se o docente especialista da positivo. Os perfís docentes deben mudar e ampliarse tamén en docentes que apoian e reforzan aprendizaxes, que motiva ou que dinamiza. 
Se queremos ofertar unha educación INCLUSIVA e COMPENSADORA das DESIGUALDADES (finalidade da educación) debemos facer posible e o "imposible"   para crear solucións e estratexias diversas nestes momentos. A presencialidade fará posible as conexións a internet, a velocidade de rede, o traballo en equipo, aprender en comunidade ou as interaccións sociais entre iguais(mantendo as distancias).  
Como desdobrar grupos sen necesidade de profesorado? Un exemplo: Reagrupando grupos como 1º/2º E.P. e de 50 alumnos en dos grupos podemos crear tres grupos de menos con dous/duas titores-titoras e un especialistas que rotan por eses tres grupos. Nun centro de 9 unidades precisarianse 4-5 espazos extra (corredores, biblioteca, aula de música, ximnasio, patios cubertos ...) Cada dúas semanas múdase de especialista. O resto do alumnado recibe docencia tamén da especialidade a través de medios telemáticos pero co acompañamento de profesorado no centro.
Como organizar ambientes ou recantos de aprendizaxe? Nas aulas pódense crear ambientes e/ou recantos e/ou estacións de aprendizaxe para traballar en parella. Os vinilos no chan, telas ou carteis no teito poden ser motivadores e servir para pendurar información de proxectos.
Que facer co uso do material? Recomendable que cada alumno-a teña un contedor co material necesario e de uso individual. Desbotar das aulas coxíns, mandilóns, cepillos de dentes, vasos no baño para beber (estarán na súa mochila e levarase para casa cada día para desinfección), alfombras no chan de tela, etc

A implementación do Protocolo de Adaptación ao COVID (pendente de instruccións definitivas nos vindeiros días) NON transforma aos docentes en persoal coidador e aos centros escolares en espazos "gardadores" de nenos-nenas. Nos centros educativos edúcase e ensínanse, apréndense e foméntanse as aprendizaxes  relacionadas coa hixiene, seguridade, saúde física e emocional e estes ámbitos non son "extracurriculares" senón que se imbrican co currículo de CC da Natureza, CC Sociais ou Valores Sociais e Cívicos como unha "segunda pel".
A educación edifícarase en propostas que fomenten as actividades no exterior (fotografar, pintar, esculpir, correr, observar), o escoitar, o falar, o conversar, o argumentar, o pensar, o crear ou o contrastar a través de momentos para contidos/coñecementos teóricos e para resolver situacións problema, retos, desafíos, aprender a pensar, ser autónomos, tomar decisións ou iniciativas.
Todo o vivido ata este momento nas escolas  debe ser reinventado, debe ser transformado ou debe ser reflexionado pois o momento actual nada ten que ver coa historia anterior nos centros pero existe un valor engadido: todas as persoas docentes temos competencias profesionais dabondo (e senón formarnos) para RECREAR UNHA NOVA EDUCACIÓN.

O relevante hoxe, mañán e nos vindeiros días e meses é SENTIRSE XUNTOS-XUNTAS! PENSAR XUNTOS-XUNTAS!
Precísase PAIXÓN, COMPROMISO e IMPLICACIÓN coa EDUCACIÓN.

viernes, 12 de enero de 2018

TRES PIARES PARA A EDUCACIÓN: ALUMNADO, FAMILIAS E PROFESORADO


Na educación existen 3 protagonistas fundamentais:
-familias
-alumnado
-profesorado
Estes tres actores deben crear unha nova arquitectura educativa que poña en marcha procesos de aprendizaxe onde o alumnado teña un papel activo pois se non aprenden facendo,  se non aprenden indagando, se non aprenden deliberando, se non aprenden dende o contexto e no contexto social e cultural, se non aprenden creando e valorando, se non aprenden cooperando,... a través dun ambiente emocional seguro non poderemos dicir que están aprendendo.
O alumno aprende se a súa atención é sostida, se a percepción é normal, se a linguaxe é comprensiva, se existe a expresión oral,...pero tamén para aprender precisamos que o noso corazón estea preparado para querer aprender é dicir se a autoestima está ben, se o meu autoconcepto é positivo, se me sinto comprendido e querido, se me transmiten que cren en min,  se me din que podo só-soa, se me expresan palabras de ánimo e de amor, se non me comparan con outros-as, ....e, por último, apréndese cando nos permiten "FACER" unha lista da compra con alimentos saudables dos diferentes grupos da roda dos alimentos, cando realizamos unha estatística das veces que abrimos e pechamos a billa da auga ou malgastamos auga ou luz, cando indagamos sobre as causas dos incendios, cando buscamos posibilidades de aplicar a división en problemas da vida cotiá, cando creamos un titorial sobre recantos con encanto da miña zona, cando busco e atopo a xeolocalización da miña familia, cando descubro na arquitectura formas xeométricas, ángulos, radios, segmentos,...
O profesorado e as familias, como persoas adultas, deben ter altas expectativas (pero reais) para o seu alumnado e para os fillos e fillas, respectivamente, e transmitir con optimismo, que os retos son posibles, que con esforzo e perseverancia as dificultades de aprendizaxe son superables, que as dificultades da vida axudan a medrar máis e mellor, que nos podemos equivocar pero que as equivocacións serven para aprender, que temos que seguir co intento de facelo ben ou de facelo mellor.
As familias e o profesorado son corresponsables na educación dos fillos e fillas e do alumnado e tal como explica Dorinda Mato (Universidade da Coruña) "correspóndelles esixir e potenciar o rendimento, así como orientalos cara a excelencia adaptando o nivel de reto ás súas capacidades".
Debemos tamén, XUNTOS, coñecer os intereses, motivacións, habilidades, destrezas, competencias,...deles para lograr reducir a brecha da desigualdade educativa. Non todos os seres humanos somos iguais (por sorte) pero todos temos as nosas fortalezas que deben servir de punto de inicio para o deseño das secuencias didácticas, para organizar e artellar os procesos de ensinanza, para organizar as aprendizaxes no contexto familiar, para deseñar as aprendizaxes no contexto formal da escola.
As familias, ás veces, precisan orientación e guía para coñecer que se aprende nos centros educativos e tamén que se ensina e como se ensina. Se queremos deseñar ou re-deseñar unha nova arquitectura escolar os centros educativos deben ser transparentes en canto ao currículo e deseños curriculares que se "viven" cada día nas aulas. as familias non poden dar a imaxe de dimisionarias no proceso educativo de fillos e fillas.
Debemos crear un universo relacional conxunto para que vaiamos polo mesmo camiño, para que coñezamos por onde vai a educación dos fillos e fillas, para que saibamos como podemos axudarnos e axudalos.
Chegado a este momento é preciso tomar as verbas de Joyce Epstein (2013) que establece 4 grandes vínculos entre a familia e a escola:
-aprendizaxe no fogar como educación no contexto informal
-participación das familias nos centros educativos
-compromiso escolar coa implicación das familias
-actividades de apoio e formación para familias
Polo tanto, o nexo familia-docentes non pode estar situado na periferia escolar.
Entre todos temos que reflexionar se estamos facendo todo por mellorar as aprendizaxes dos nenos e nenas, se todos partimos do respecto mutuo, se todos desexamos coñecernos e coñecer, se todos, en definitiva, podemos facer algo máis.
Agora queda determinar premisas para que se poida aprender de forma activa:
-en cada sesión de clase diseñaranse tempos para que conversen, dialoguen, expresen,....sobre temáticas de actualidade relacionadas cos contidos da materia (violencia, acoso, consumo responsable,...)
-tempos para que realicen búsqueda de información a través de soportes impresos e dixitais e a contrasten 
-tempos para que pensen a través de rutas de pensamento empregando organizadores gráficos
-tempos para traballar cooperativamente
-tempos para facer e non só receptores pasivos de información
-tempos para ensinar de forma creativa e non para transmitir
-tempos para falar e conversar no fogar
-tempos para organizar tarefas corresponsables no fogar (apréndese o que se vive cada día)
-tempos para o estudio e o traballo no fogar de forma autónoma pois se mamá ou papá ten que facer os resumes o fillo ou filla nunca aprenderá e sentirase inutil. O acompañamento pode ser, nun primeiro momento como guía, para seguir cun "acompañamento emocional positivo" realizando valoracións positivas, apoiando, crendo nas súas posibilidades,....incluso poderá contarnos máis tarde que estivo lendo ou resumindo ou resolvendo do mesmo xeito que nós contaremos que fixemos e como o fixemos nos traballos que desenvolvememos.