ESTRATEXIAS PARA MELLORAR A ATENCIÓN
A atención é un dos procesos psicolóxicos básicos que favorecen as aprendizaxes dos seres humanos. Nos primeiros anos da vida de nenos e nenas debemos deseñar secuencias e escenarios onde a atención poida ser desenvolvida.
En primeiro lugar, establecemos que cada neno-nena, cada ser humano é diferente e procesa a información de xeito diverso. Dende os centros educativos deberemos adecuar a resposta educativa ás diferentes características e necesidades, ritmos e estilos de aprendizaxe, motivacións, intereses e situacións sociais e culturais de todo o alumnado (art. 3 D. 229/2011). Unha desas características diferenciadoras é a atención.
A maior ou menor atención fai que un neno ou unha nena teña un diferente ritmo de aprendizaxe, que teña un estilo de aprendizaxe peculiar ou que non atenda porque non lle interese a temática ou que a súa autoestima estea moi baixa e non sinta a necesidade de aprender pois pensa que o vai facer mal ou crea que non sabe facelo.
As veces, cando un neno ou unha nena ten déficit de atención non sempre se pode establecer que exista un TDAH ou TDA. O trastorno por déficit de atención e Hiperactividade non pode ser diagnosticado ata os 6 anos. Por este motivo, debemos buscar e ofrecer estratexias para que os síntomas desaparezan ou no caso da existencia real de TDAH ou TDA melloren os ámbitos deficitarios.
A atención é a capacidade que permite a un neno ou nena concentrarse na execución dunha actividade dirixida a acadar un obxectivo (arrodear cadrados vermellos, seguir unha serie de números, localizar información nun texto escrito ou oral, agrupar certo nº de obxectos, escribir palabras que teñan un T, localizar intrusos nunha serie de imaxes,...). Existen tipos de atención: sostida, focalizada, selectiva ou dividida.
Para saber máis debedes escanear o código QR co voso móbil e teredes acceso a toda a información.