martes, 24 de marzo de 2020

TOLEMIA DE DEBERES VIRTUAIS

A medida que pasan os días de confinamento, a capacidade para ser coherentes e actuar con "sentidiño" está dando paso a unha TOLEMIA xeralizada e entramos en pánico pensando que o noso alumnado, os nosos fillos e fillas van perder o curso pois non van aprender o currículo establecido.
Pois ben: se por non estar no centro educativo un mes o noso alumnado "perde" o que sabía,  temos que dicir que moi mal aprendido estaba e, por riba, eran aprendizaxes pouco significativas.
E, polo tanto, non se perdeu nada.
Esta situación nova, complexa, diferente debe levarnos a reflexionar que non podemos transformar ao noso alumnado e aos nosos fillos e fillas en máquinas de facer fichas, exercicios de libros,...
Estas xornadas en familia deben levar enxeridas varias premisas:
-Deben  favorecer as interaccións familiares afectivas
-Deben permitir a conciliar o teletraballo ou o traballo de proxenitores
-Deben promover o favorecemento da autonomía, da responsabilidade, do esforzo compartido
-Deben dinamizar o disfrute das pequenas cousas
-Deben ser unha oportunidade de calma, sosego e de VIVIR en FAMILIA
-Deben optimizar unha nova posibilidade de SER FELICES
-Deben posibilitar realizar aprendizaxes vivenciais, aprendizaxes para a vida, aprendizaxes competenciais.
-Deben levarnos a espertar os sentidos e as emocións
-Deben favorecer unha educación compartida
-Deben ser a oportunidade de crear tempos e momentos para a lectura, para visionar cine ou series, para escoitar a radio 
-Deben dinamizar o cuestionamento do bombardeo tecnolóxico, ...
E outras tantas premisas que poderiamos establecer.
As cuestións anteriores poden levarnos a cuestionar o que estamos facendo e como o estamos a desenvolver.
Centos de plataformas dixitais con contidos educativos para que o alumnado estea diante dunha pantalla. 
Se esto é o máis axeitado cuestionémonos o papel das docentes e dos docentes nos centros educativos. Clonamos mestres e mestras
E onde quedan as interaccións persoais, o escoitar as voces de nenos e nenas, as voces do profesorado,...
O auténtico motor das posibilidades de aprendizaxes deben ser os docentes de cada centro, as titoras e titores xa que son as persoas que van ser quen de intuir o estado de ánimo do alumnado, as persoas que van estar animando e axudando a entender este confinamento ao alumnado e ás familias. Deben colaborar directamente coas familias, entablar conversas telefónicas ou a través de videochamadas, etc. Lembremos que o profesorado está tamén confinado pero NON de vacacións.
A tolemia tecnolóxica, o pánico da necesidade das aprendizaxes lévanos a unha proliferación desmedida de plataformas alleas aos centros. Teñamos "sentidiño".
É o momento de posibilitar a creación de aprendizaxes COMPETENCIAIS, FUNDAMENTAIS, BÁSICOS, ESENCIAIS e desbotar aquilo que non é necesario. É o momento de ADELGAZAR o currículo, de eliminar o INNECESARIO.
Este tempo NUNCA será TEMPO PERDIDO, será TEMPO GAÑADO á EDUCACIÓN.
Reflexións finais:
-Cando unha familia ordea os armarios cos seus fillos e fillas estamos a desenvolver a capacidade de colaboración, os valores da convivencia, ...
-Cando os fillos  e fillas colaboran na elaboración de menús aprender a pesar, a mesturar, a ter hábitos de hixiene, a ter hábitos alimentarios saudables,...
-Cando nenos e nenas escoitan historias de avós e avoas, historias da infancia dos pais e das nais descubrirán a historia familiar, desenvolverán as emocións, os afectos.
-Cando os fillos e fillas axudan a recoller roupa do tendal, a emparellar pezas de vestir, a dobrar roupa aprenden  simetrías, a ser autónomos, a ter responsabiliade, a mellorar a motricidade, etc
-Cando nenas e nenos participan diariamente en familia na análise e contrastación de novas sobre o coronavirus aprender a reflexionar, a ter espíritu crítico,a debatir, a argumentar,  a ser responsables,...
-Cando deixamos que os fillos e fillas consensúen as actividades a realizar e cando estamos favorecendo a autonomía, a responsabilidade, a pensar,...
-Cando os fillos e fillas axudan a sementar, podar ou desbrozar están aprendendo o respecto pola súa contorna, o nome de productos, de árbores, de plantas, de coidados esenciais 

Que o coronavirus non nos leve a adoptar un novo virus desmedido polo tecnolóxico, adoptemos vida saudable, vida en familia,...
INOCULEMOS unha NOVA EDUCACIÓN, unha nova forma de APRENDER.