Na educación existen 3 protagonistas fundamentais:
-familias
-alumnado
-profesorado
Estes tres actores deben crear unha nova arquitectura educativa que poña en marcha procesos de aprendizaxe onde o alumnado teña un papel activo pois se non aprenden facendo, se non aprenden indagando, se non aprenden deliberando, se non aprenden dende o contexto e no contexto social e cultural, se non aprenden creando e valorando, se non aprenden cooperando,... a través dun ambiente emocional seguro non poderemos dicir que están aprendendo.
O alumno aprende se a súa atención é sostida, se a percepción é normal, se a linguaxe é comprensiva, se existe a expresión oral,...pero tamén para aprender precisamos que o noso corazón estea preparado para querer aprender é dicir se a autoestima está ben, se o meu autoconcepto é positivo, se me sinto comprendido e querido, se me transmiten que cren en min, se me din que podo só-soa, se me expresan palabras de ánimo e de amor, se non me comparan con outros-as, ....e, por último, apréndese cando nos permiten "FACER" unha lista da compra con alimentos saudables dos diferentes grupos da roda dos alimentos, cando realizamos unha estatística das veces que abrimos e pechamos a billa da auga ou malgastamos auga ou luz, cando indagamos sobre as causas dos incendios, cando buscamos posibilidades de aplicar a división en problemas da vida cotiá, cando creamos un titorial sobre recantos con encanto da miña zona, cando busco e atopo a xeolocalización da miña familia, cando descubro na arquitectura formas xeométricas, ángulos, radios, segmentos,...
O profesorado e as familias, como persoas adultas, deben ter altas expectativas (pero reais) para o seu alumnado e para os fillos e fillas, respectivamente, e transmitir con optimismo, que os retos son posibles, que con esforzo e perseverancia as dificultades de aprendizaxe son superables, que as dificultades da vida axudan a medrar máis e mellor, que nos podemos equivocar pero que as equivocacións serven para aprender, que temos que seguir co intento de facelo ben ou de facelo mellor.
As familias e o profesorado son corresponsables na educación dos fillos e fillas e do alumnado e tal como explica Dorinda Mato (Universidade da Coruña) "correspóndelles esixir e potenciar o rendimento, así como orientalos cara a excelencia adaptando o nivel de reto ás súas capacidades".
Debemos tamén, XUNTOS, coñecer os intereses, motivacións, habilidades, destrezas, competencias,...deles para lograr reducir a brecha da desigualdade educativa. Non todos os seres humanos somos iguais (por sorte) pero todos temos as nosas fortalezas que deben servir de punto de inicio para o deseño das secuencias didácticas, para organizar e artellar os procesos de ensinanza, para organizar as aprendizaxes no contexto familiar, para deseñar as aprendizaxes no contexto formal da escola.
As familias, ás veces, precisan orientación e guía para coñecer que se aprende nos centros educativos e tamén que se ensina e como se ensina. Se queremos deseñar ou re-deseñar unha nova arquitectura escolar os centros educativos deben ser transparentes en canto ao currículo e deseños curriculares que se "viven" cada día nas aulas. as familias non poden dar a imaxe de dimisionarias no proceso educativo de fillos e fillas.
Debemos crear un universo relacional conxunto para que vaiamos polo mesmo camiño, para que coñezamos por onde vai a educación dos fillos e fillas, para que saibamos como podemos axudarnos e axudalos.
Chegado a este momento é preciso tomar as verbas de Joyce Epstein (2013) que establece 4 grandes vínculos entre a familia e a escola:
-aprendizaxe no fogar como educación no contexto informal
-participación das familias nos centros educativos
-compromiso escolar coa implicación das familias
-actividades de apoio e formación para familias
Polo tanto, o nexo familia-docentes non pode estar situado na periferia escolar.
Entre todos temos que reflexionar se estamos facendo todo por mellorar as aprendizaxes dos nenos e nenas, se todos partimos do respecto mutuo, se todos desexamos coñecernos e coñecer, se todos, en definitiva, podemos facer algo máis.
Agora queda determinar premisas para que se poida aprender de forma activa:
-en cada sesión de clase diseñaranse tempos para que conversen, dialoguen, expresen,....sobre temáticas de actualidade relacionadas cos contidos da materia (violencia, acoso, consumo responsable,...)
-tempos para que realicen búsqueda de información a través de soportes impresos e dixitais e a contrasten
-tempos para que pensen a través de rutas de pensamento empregando organizadores gráficos
-tempos para traballar cooperativamente
-tempos para facer e non só receptores pasivos de información
-tempos para ensinar de forma creativa e non para transmitir
-tempos para falar e conversar no fogar
-tempos para organizar tarefas corresponsables no fogar (apréndese o que se vive cada día)
-tempos para o estudio e o traballo no fogar de forma autónoma pois se mamá ou papá ten que facer os resumes o fillo ou filla nunca aprenderá e sentirase inutil. O acompañamento pode ser, nun primeiro momento como guía, para seguir cun "acompañamento emocional positivo" realizando valoracións positivas, apoiando, crendo nas súas posibilidades,....incluso poderá contarnos máis tarde que estivo lendo ou resumindo ou resolvendo do mesmo xeito que nós contaremos que fixemos e como o fixemos nos traballos que desenvolvememos.