Un proxecto
educativo comprometido coa inclusión, debe identificar todas aquelas posibles barreiras que impiden e ou
dificultan a accesibilidade e participación de todo o alumnado no proceso
educativo. A continuación, citamos algunhas desas barreiras que poden
dificultar a dita participación e ás que deberemos prestar especial atención para poder abordalas:
Barreiras sociais: refírense aos obstáculos mentais e actitudinais: baixas expectativas,
sobreprotección, medo, rexeitamento, indiferenza, falta de apoios, etc. son
barreiras que condicionan a vida dunha persoa facendo que se sinta máis ou menos
capaz e máis ou menos incluída.
Barreiras físicas: fan referencia a obstáculos da contorna que impiden ou bloquean a
mobilidade ou o acceso. Na resolución de actividades e exercicios, suporían
unha execución motora que non pode ser salvada por alumnado con dificultades
psicomotoras. Podemos eliminalas se deseñamos actividades e tarefas con
diferentes alternativas para a súa execución. Deberemos propoñer diferentes
formas de presentación de actividades e diferentes vías de execución e
expresión: gravación de audios, vídeos, elección de ilustracións, escritura ao
ditado, actividades manipulativas, etc., que permitan adquirir e valorar as
aprendizaxes, considerando a diversidade do alumnado.
Barreiras sensoriais: son as relativas á percepción sensorial, é dicir, á maneira en que
percibimos a información a través dos sentidos. Para atender a diversidade da
aula, deberemos considerar a presentación da información a través de diferentes
modalidades sensoriais (auditiva, visual, táctil...).
Barreiras cognitivas: están relacionadas cos procesos mentais que interveñen na resolución de
tarefas e actividades cognitivas. Podemos facilitar o acceso aos contidos
empregando certos apoios que activan os procesos cognitivos. As axudas
conceptuais, como organizadores gráficos, mapas mentais, rutinas de pensamento
ou autoinstrucións son instrumentos que se poden empregar na aula e que
resultan de utilidade para o grupo-clase, ademais do deseño universal para a
aprendizaxe (DUA), que inclúe criterios de lectura fácil.
Barreiras estruturais: son as derivadas de situacións de aprendizaxe nunha
contorna desordenada, pouco predecible, inestable, sen organización do
traballo... Poderían superarse empregando un sistema de traballo organizado e
predicible, con apoios visuais que lle permitan ao alumnado orientarse sobre o
que hai que facer; con apoios espaciais, e distribución de espazos de aula que
axuden a coñecer onde hai que facelo; e con estruturas e rutinas que acheguen
seguridade para saber cando hai que facelo.
Barreiras comunicativas: empregar unicamente a ruta auditiva e o uso da
linguaxe oral, pode supoñer unha barreira para atender a diversidade da aula. É
preciso proporcionar diversas canles comunicativas como a visual, táctil,
pictográfica, signada... facilitando ao alumnado que poida expresarse e
compartir as súas aprendizaxes empregando estes soportes.
Barreiras curriculares: a falta de flexibilidade e a homoxeneidade nas
propostas educativas, nos materiais, nas metodoloxías, etc. condicionan a
adquisición das aprendizaxes e o tipo de interaccións e relacións que se dan na
aula. Unha programación axustada á diversidade, a implementación e
diversificación de estratexias, o deseño multinivel con actividades e materiais
didácticos con diferentes niveis de complexidade para a resolución de tarefas,
metodoloxías cooperativas que faciliten a participación equitativa e o apoio
mutuo, unha avaliación por competencias con criterios de equidade, a
coordinación e colaboración entre o profesorado, a docencia compartida... son
aspectos que poden salvar certas barreiras curriculares
BARREIRAS EMOCIONAIS: o alumnado
debe ser respectado, debe ser coñecedor de que se confía en él, que temos altas
expectativas sobre eles, debe coñecer e expresar as súas emocións, que
coñecemos e visibilizamos as súas fortalezas, que temos un bó autoconcepto
del/dela,…