domingo, 14 de septiembre de 2014

UNHA NOVA LEI DE EDUCACIÓN LEI 8/2014

Xa estamos en acción!
Paseniño, paseniño iniciamos o curso escolar 2014-2015.
Neste novo curso seguiremos a mostrar estratexias para que as aprendizaxes que realicen as nenas e o s nenos sexan exitosas, sexan coherentes e sexan atractivas.
Non podemos dicir que existe aprendizaxe se este non se realiza tamén na contorna familiar. O alumnado precisa aprender na vida cotiá, precisa aplicar as suas aprendizaxes escolares no contexto familiar, no contexto social, no contexto cultural.
Debemos ofrecer escenarios para que se fagan competentes.
Tamén pretendemos facer efectivo a compensación das desigualdades sociais, culturais, cognitivas  promovendo que as familias sigan poidan seguir aprendendo ao longo do proceso de escolarización dos seus fillos.
Queremos que este blog sexa un instrumento de formación, de aprender xuntos profesorado, alumnado, familias e cidadanía por iso ten como META a compensación de desiguladades nas contornas rurais.
As habilidades cognitivas, sendo imprescindibles, non son suficientes; é necesario adquirir desde idades temperás competencias transversais, como o pensamento crítico, a xestión da diversidade, a creatividade ou a capacidade de comunicar, e actitudes clave como a confianza individual, o entusiasmo, a constancia e a aceptación do cambio.
A educación inicial é cada vez máis determinante por canto hoxendía o proceso de aprendizaxe non remata no sistema educativo, senón que se proxecta ao longo de toda a vida das persoas.
Neste curso coa aplicación da LEI 8/2013, LOMCE,  reformuláronse as COMPETENCIAS BÁSICAS:
Agora son 7 e denomínanse COMPETENCIAS CLAVE:
1.º COMUNICACIÓN LINGÜÍSTICA (CCL)
 2.º COMPETENCIA MATEMÁTICA E COMPETENCIAS BÁSICAS EN CIENCIA E TECNOLOXÍA (CMCT)
 3.º COMPETENCIA DIXITAL (CD)
 4.º APRENDER A APRENDER (CAA)
 5.º COMPETENCIAS SOCIAIS E CÍVICAS (CSC)
 6.º SENTIDO DE INICIATIVA E ESPÍRITO EMPRENDEDOR (CSIEE)
7.º CONCIENCIA E EXPRESIÓNS CULTURAIS (CCEC).

Tamén neste mes de setembro publicouse o Decreto 105/2014 polo que se establece o currículo de E. Primaria en Galicia. Algunha das novidades máis significativas son o establecemento de materias TRONCAIS, materias ESPECÍFICAS, a desaparición dos ciclos e,  de igual maneira, aparecen os estándares de aprendizaxe que concretizan os criterios de avaliación das materias.
http://www.edu.xunta.es/web/node/13316

Según o Artigo 4 do Decreto 105/2014 enténdese por currículo a regulación dos elementos que determinan os procesos deensino e aprendizaxe para cada unha das ensinanzas e etapas educativas. O currículo está integrado por: os obxectivos, as competencias, os contidos, os criterios de avaliación, os estándares e resultados de aprendizaxe avaliables e a metodoloxía didáctica.
Os  Obxectivos son os  referentes relativos aos logros que o alumno debe alcanzar ao rematar o proceso educativo, como resultado das experiencias de ensino-aprendizaxe intencionalmente planificadas para tal fin.
As Competencias son  as capacidades para aplicar de forma integrada os contidos propios de cada ensinanza e etapa educativa, co fin de lograr a realización axeitada de actividades e a resolución eficaz de problemas complexos.
Pola súa parte, os Contidos son o conxunto de coñecementos, habilidades, destrezas e actitudes que contribúen ao logro dos obxectivos de cada ensinanza e etapa educativa e á adquisición de competencias. Os contidos ordénanse en disciplinas, que se clasifican en materias, ámbitos, áreas e módulos en función das ensinanzas, as etapas educativas ou os programas en que participe o alumnado.
Os  Criterios de avaliación son o referente específico para avaliar a aprendizaxe do alumnado. Describen aquilo que se quere valorar e que o alumnado debe lograr, tanto en coñecementos coma en competencias; responden ao que se pretende conseguir en cada disciplina.
Os Estándares de aprendizaxe avaliables resultan ser as especificacións dos criterios de avaliación que permiten definir os resultados de aprendizaxe, e que concretan o que o alumno debe saber, comprender e saber facer en cada disciplina; deben ser observables, medibles e avaliables e permitir graduar o rendemento ou logro alcanzado. Deben contribuír a facilitar o deseño de probas estandarizadas e comparables.
A Metodoloxía didáctica son o conxunto de estratexias, procedementos e accións organizadas e planificadas polo profesorado, de xeito consciente e reflexivo, coa finalidade de posibilitar a aprendizaxe do alumnado e o logro dos obxectivos suscitados.

A proposta curricular que se realiza no centro permitirá organizar as aprendizaxes dos alumnos e as alumnas ao longo do paso polo sistema educativo, tendo en conta o seu nivel madurativo, a lóxica interna das diversas actividades e aqueles elementos que afectan de maneira transversal a todos os bloques como son as capacidades físicas e coordinativas, os valores sociais e individuais e a educación para a saúde.
As propostas didácticas deben incorporar a reflexión e a análise do que acontece e a creación de estratexias para facilitar a transferencia de coñecementos a outras situacións. O traballo por competencias integra un coñecemento de base conceptual, outro relativo ás destrezas e, por último, un con gran influenza social e cultural, que implica un conxunto de valores e actitudes.
Para facilitar a concreción curricular establécense criterios de avaliación que se concretizan nos estándares de aprendizaxe avaliables. Estes permitirán definir os resultados da aprendizaxes, e concretarán mediante accións o que alumnado debe saber e saber facer. Estes estándares están graduados e secuenciados ao longo da etapa e, unha vez finalizada esta, deberán estar todos acadados e consolidados.
Este decreto 105/2014 baséase na potenciación da aprendizaxe por competencias, integradas  nos elementos curriculares para propiciar unha renovación na práctica docente e no proceso de ensino e aprendizaxe. Propóñense novos enfoques na aprendizaxe e avaliación, que van supoñer un importante cambio nas tarefas que teñen que resolver os alumnos e as alumnas e propostas metodolóxicas innovadoras. Unha competencia supón a combinación de habilidades prácticas, coñecementos, motivación, valores éticos, actitudes, emocións e outros compoñentes sociais e de comportamento que se mobilizan conxuntamente para lograr unha acción eficaz. Así pois, as competencias considéranse como coñecemento na práctica, un coñecemento adquirido a través da participación activa en prácticas sociais que, como tales, pódense desenvolver tanto no contexto educativo formal, a través do currículo, coma nos contextos educativos non formais e informais; conceptualízanse como «un saber facer» que se aplica a unha diversidade de contextos académicos, sociais e profesionais.
A aprendizaxe baseada en competencias caracterízase pola súa transversalidade, o seu dinamismo e o seu carácter integral. O proceso de ensino e aprendizaxe competencial debe abordarse desde todas as áreas de coñecemento, e por parte das diversas instancias que conforman a comunidade educativa, tanto nos ámbitos formais coma nos non formais e informais; o seu dinamismo reflíctese en que as competencias non se adquiren nun determinado momento e permanecen inalterables, senón que implican un proceso de desenvolvemento mediante o cal os individuos van adquirindo maiores niveis de desempeño no seu uso.
As concrecións curriculares constrúense a partir dos criterios de avaliación, ligándoos cos demais compoñentes de cada área. Os criterios de avaliación relaciónanse directamente cos estándares de aprendizaxe avaliables, que non son máis que concrecións dos propios criterios, e ditos estándares conéctanse coas competencias clave. Por outra banda, os criterios de avaliación pódense considerar obxectivos de curso e, neste sentido, os contidos non son máis que os medios para acadalos.