viernes, 4 de abril de 2014

DEIXATE ATRAPAR ,....POLAS PROPOSTAS LITERARIAS DE CLARA TORRES

Tódolos libros propostos na sección poden ser atopados na BIBLIOTECA do centro como ESPAZO PARA A LECTURA, A INFORMACIÓN, A FORMACIÓN E AS APRENDIZAXES FAMILIARES.

 A sección mensual DEIXATE ATRAPAR POR….. avanza no seu camiño coas propostas literarias da mestra CLARA TORRES (mestra xubilosa que non xubilada do centro).

 

A mestra CLARA dinamizou e promoveu a creación do CRA, a educación e participación  das familias, os proxectos multiculturais,...

A continuación as súas verbas:
" Se teño que recomendar dous libros que me deixaron unha grata impresión neste último trimestre, elixiría, como lectura infantil: “La cenicienta que no quería comer perdices” e como libro máis interesante para lectores xuvenís e adultos: “Ás de bolboreta”.


LA CENICIENTA QUE NO QUERÍA COMER PERDICES
Autora: Nunila López Salamer                                                                                   
Ilustracións: Myriam Cameros Sierra- Prólogo: Maruja Torres- Editorial Planeta, Barcelona- 2012

Unha marabillosa rebelión cara o conto clásico. Ideal para sensibilizar ás nenas e nenos sobre a igualdade de xénero. Eu recomendaría a súa lectura dentro dun tratamento do conto clásico, tradicional, e as oportunidades de dárlle a volta aos conceptos que apreixan as conductas femininas. Os presupostos sociais e paternalistas que cifran a felicidade  e meta da muller  en conseguir obxectivos frívolos e dependentes da necesidade de ser complementada polos esterotipos que veñen imperando na sociedade. A linguaxe e a filosofía do relato non teñen  un ápice de desperdicio: irónico, sarcástico, “revolucionario”. Unidos ás maxistrais ilustracións que fan de cada personaxe unha insignia grotesca do disparate. Lectura aproveitada para tódalas idades.  Reflicte  situacións que son o espello onde nos podemos ver tódalas mulleres.


ÁS DE BOLBORETA
Autora: Rosa Aneiros- Edicións Xerais de Galicia- Vigo- 2009                                    

(Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil 2009) 

É unha novela de áxil lectura para a xuventude e para quen queira disfrutar coas historias  que conflúen nun lugar común: O Bar Luzada. Como un microcosmos, neste mesmo espazo reúnense as pezas dun puzle que somentes ao remate compoñen a imaxe dunha realidade multicultural, multisocial, multiétnica e con problemas que atinxen a toda a sociedade actual. A protagonista, coma se dunha psicóloga ou psiquiatra, ou confesor se tratase, é esa persoa que presta a súa escoita, o seu acougo, as súas mans e forzas para dar testemuño das diferentes soidades ás que o individuo se ten que adaptar. É unha boa lectura para tratar os temas da integración social, do encontro de culturas de encaramento coa vellés, a enfermidade, o maltrato, o amor… En fin, recoméndoo para  a lectura en familia. Con comentarios e reflexións en voz alta.

Clara Torres