Xa estamos de novo en acción!
Este mes toca deixarnos engaiolar polas propostas literarias de MANUEL JANEIRO, profesor, diseñador, ilustrador e escritor. De tódolos xeitos e, por riba de todo, MANOLO JANEIRO é un mestre para todos nós.
A súa proposta é un ELOXIO Á LECTURA. Non ofrece un libro ou dos,...ofrece centos!
Cando cae nas nosas mans un libro de Manolo sempre disfrutamos, "vivimos" esas historias ou desexamos ser os protagonistas da trama. A maxia, a dozura, a sorpresa,...sempre aparecen na súa literatura.
De igual maneira, as ilustracións deste artista son auténticas obras de arte e posibilitan unha maridaxe perfecta entre texto e imaxe. A linguaxe visual que este autor ofrece nas súas creacións nos transportan a eses mundos gráficos que moven o corazón, que rachan coa indiferencia.
A continuación, as verbas que este creador ofrece para nós, e que nos leva a un fermoso e marabilloso viaxe sobre a lectura:
Proposta para todas as idades. Eloxio da lectura
Para min, a lectura sempre foi o
territorio da liberación, o infinito, o inconmensurable, o eterno. Foi,
ademais, a primeira oportunidade que atopei de ser eu mesmo. Non creo que se
lle poda ofrecer a ninguén mellor programa que axudalo a se converter en
lector. Se agora mesmo falase cun neno universal e imaxinario, diríalle: le e
vence ao inimigo. ¿A que inimigo? A calquera: á incerteza, á ignorancia, ao
aburrimento, á soidade; incluso á morte. Si, a esa que só é capaz de derrotar o
amor e a literatura, e que Andersen chamaba a doncela xeada. Para demostralo
atrévome a traducir libremente ao noso idioma a última estrofa do poema O neno moribundo do autor que acabamos
de mencionar:
¿Por que apertas as miñas mans?
¿Por que xuntas a túa fazula coa
miña?
Está húmida e arde como o lume.
¡Nai, quero ser teu para sempre!
Mais non sigas bagoxando,
Se choras ti, choro contigo.
¡Estou canso! -pechásenme os
ollos-
-Nai -¡mira! ¡achégase o anxo e
bícame!
Non é casual que traia a estas
notas a Hans Chistrian Andersen. É, precisamente o autor que quero recomendar,
pero antes gustaríame dicir que, se ben acabo de defender a lectura como
instrumento educativo por antonomasia, estou radicalmente en contra da súa
"asignaturización". Nada me parece tan terrible como obrigar á
lectura, é tan triste como un animal salvaxe nunha gaiola. Detesto esas
prácticas docentes que baixo o amparo curricular de "lectura
significativa" someten ao neno ao tormento de contestar as preguntas que,
cando moito, responden ás lecturas dos "pedagogos". Tipo: "¿por
que a princesa non quixo convidar á ra?" Un compoñente esencial da lectura
é o pracer, e máis a interpretación diverxente, ¿e como imos sentir pracer
cando lemos coa obriga de ter que encher despois un cuestionario? E non digamos
nada da pretensión de ofrecer aos nosos nenos textos morais. A chamada
literatura infanto-xuvenil, iso que foi ata ben pouco un gran negocio, está
repleta de mala escritura. Son textos feitos a medida que desatenden calquera
concepto de emoción literaria e que se xustifican pola súa paifoca e pretendida
educación en valores. Educar en valores é outra cousa ben distinta á de
converter a literatura xuvenil no paradigma da política corrección. Un
repertorio de tópicos mal articulados, con nula tensión expresiva e estética,
por moito que diga verdades como puños respecto á identidade de xénero, ás
familias monoparentais ou ao racismo, non constitúe esa irresistible forza da
que goza a verdadeira literatura; a que constrúe lectores. Por suposto que hai
excepcións e que pescudando nos catálogos das coleccións infantís e xuvenís
atópanse textos magníficos. Non vou citar ningún dos magníficos porque tampouco
citei ningún dos deleznables. Pero si que podo expresar unha certeza persoal: o
libro infantil que non resiste a lectura dun lector adulto non debería nunca
ser recomendado aos lectores de menor idade. A boa literatura infantil sempre
foi recoñecida como tal por todo tipo de lectores. Os grandes autores clásicos
da literatura infanto-xuvenil non pretenderon selo, non pensaron que existía un
tipo de linguaxe literario só apto para menores. Foi todo o contrario, foron
sucesivas xeracións de nenos e nenas, de mozos e mozas, as que os elixiron, as
que os converteron en predilectos. Foi a recepción, non a produción a que creou
a literatura xuvenil. Seguro que todos os que len estas páxina teñen en mente a
escritores como Jean Marie Leprince, Robert Louis Stevenson, Charles Dickens,
Herman Melville, Rudyard Kipling, Jack London, Lewis Carroll, Xulio Verne o J. R. R. Tolkien.
O exposto non deixa de ser unha
opinión, pero fiel a ela fago a mesma proposta para os nenos que para os
adultos. Para ambos segmentos recomendo vivamente ao escritor que xa anunciei:
Hans Chistrian Andersen. Ningún dos seus contos en concreto, senón todos. Ou
dito de outro modo, os que cada lector prefira. Existe, ao meu xuízo, unha moi
notable edición dos Cuentos completos
deste autor. Tratase dunha publicación da editorial Cátedra impecablemente
introducida, editada, traducida (ao castelán) e anotada polo especialista en
filoloxía nórdica Enrique Bernárdez. Ademais da totalidade dos contos de
Andersen, incluído o texto autobiográfico titulado: O conto da miña vida sen literatura, recolle unha breve pero
significativa antoloxía poética e as extraordinarias e emocionantes
ilustracións das primeiras publicacións; debidas aos debuxantes Vilhelm
Pedersen e Lorenz Frolich.
Non pretendo eu facer aquí nin en
ningures unha aproximación crítica á obra de Andersen. Non me considero
capacitado nin é o obxectivo da recomendación. Pero teño para min que nos
textos deste autor dáse unha síntese engaiolante entre dúas tradicións: a
popular e a culta. Nos seus contos emerxe o sociolóxico, o cotián, o nimio e
unha moderna indagación psicolóxica xunto ao marabilloso: o propio dos contos
de fadas. De calquera xeito, recoméndoo pola súa intensidade literaria, esa
forma de luz tan poderosa que ilumina recunchos escuros de nós mesmos, porque
como o propio escritor afirmaba: "No hai asuntos literarios ou non
literarios, senón tratamentos literarios de calquera asunto".
Manuel Janeiro.
Gondomar 15 setembro de 2014.