miércoles, 22 de octubre de 2014

A DIVERSIDADE DO ALUMNADO TDAH

A continuación poderedes ler información sobre o alumnado diagnosticado de TDAH.
Debemos partir da premisa de que todos os seres humanos somos diversos e, polo tanto, as accións educativas que se deseñen deben ser INCLUSIVAS, INTEGRADORAS desa diversidade: de intereses, de motivacións, de capacidades, de estilos e ritmos de aprendizaxe,...
Tal como se expón dende a Consellería de Educación "O alumnado con Trastorno por Déficit de Atención e Hiperactividade (TDAH) existe e forma parte da diversidade de toda aula e da mesma sociedade, estando considerado, ademais, nese gran grupo de alumnado que a normativa básica identifica como alumnado con necesidade específica de apoio educativo (ANEAE).
O trastorno por déficit de atención e hiperactividade é un patrón persistente de conduta de desatención, hiperactividade e impulsividade que comeza a manifestarse ao longo da infancia e que inflúe negativamente no funcionamento e no desenvolvemento das nenas, dos nenos e das persoas adolescentes afectadas, manifestándose na familia, na escola, nas relacións interpersoais, nas actividades de lecer, en forma de dificultades para agardar, para concentrarse nunha tarefa, para controlar as accións e emocións, para planificar e solucionar problemas, etc.
A presenza do TDAH nos distintos ámbitos da vida dunha persoa fai necesario que a abordaxe se realice desde un enfoque interinstitucional, integral e de colaboración, cando menos, entre a familia, o sistema educativo e o sistema sanitario.
Conscientes desa situación e da necesidade dunha coordinación axeitada, a Consellería de Sanidade e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaban de facer público o resultado dun esforzo conxunto, identificado como PROTOCOLO DE CONSENSO SOBRE TDAH NA INFANCIA E NA ADOLESCENCIA NOS ÁMBITOS EDUCATIVO E SANITARIO, co que se pretende contribuír á mellora da atención e á redución das dificultades que este trastorno ocasiona a diario na vida de moitas nenas, nenos e persoas adolescentes.
No documento indicado, que se pon a disposicións das comunidades educativas e sanitarias, e da poboación en xeral, realízase unha aproximación ao concepto do TDAH e ás súas principais manifestacións. Igualmente, establécense as principais actuacións a desenvolver pola familia, polo profesorado, polos servizos de orientación e polos servizos sanitarios.
Sen embargo, tal vez o máis importante deste protocolo consiste en que establece o camiño a percorrer desde as primeiras sospeitas e define a liña de comunicación entre os servizos educativos e os sanitarios e viceversa"
Se precisades máis información debedes premer no seguinte enlace.
http://www.edu.xunta.es/web/system/files/protected/content_type/advertisement/2014/07/02/libro_tdah_definitivo_16-06-14.pdf