jueves, 13 de febrero de 2014

CALENDARIO COMPETENCIAL: APRENDIZAXES BÁSICAS PARA A VIDA



UN CALENDARIO “COMPETENTE”





Ás vosas mans chega un calendario un tanto especial.

Este calendario tamén fai unha “ponte de unión” con VALENÇA e dende alí posibilidades de lectura en portugués e lugares fermosos para descubrir e disfrutar.

É un calendario “COMPETENTE” para facer posible o principio da EDUCACIÓN COMO TAREFA COMPARTIDA, EDUCACIÓN COMO COMPROMISO.

Non é novo que a educación debe sustentarse en tres piares fundamentais: A FAMILIA, A ESCOLA e a SOCIEDADE.

Coas transformacións sociais actuais urxe dotar ás familias de estratexias para o desenvolvemento de competencias básicas na contorna social, cultural e familiar.

Deste xeito as familias serán co-partícipes activas do proceso educativo dos fillos e das fillas.

E o esforzo compartido que se preconiza dende a LOE 2/2006 e a LOMCE 8/2013 será unha realidade

A finalidade será dinamizar aprendizaxes básicas para a vida dende enfoques competenciais.

Por outra parte, o medio social, natural, cultural é o mellor recurso curricular para aprender, para pensar, para pescudar, …

Dende hai uns anos resulta prescriptivo integrar no currículo 8 COMPETENCIAS BÁSICAS, como COMPETENCIAS CLAVE para poder desenvolverse de forma eficaz, exitosa na sociedade actual e futura.


O seu desenvolvemento debe iniciarse dende o comezo da escolarización para que a súa adquisición se realice de forma progresiva  e coherente. Serán o referente para a práctica educativa e o paradigma educacional debe ser  o de aprender a aprender e aprender facendo.

No calendario aparecen propostas de aprendizaxe colaborativo  lecer con andainas, buscas do tesouro , de educación ambiental con reciclado, consumo responsable de luz e auga, suxerencias de lectura e cine, pautas para o desenvolvemento exitoso da fala e da linguaxe, a atención, a percepción, educación para a saúde  con creación de menús saudables, corresponsabilidade no fogar, valores, percepción e discriminación visual e auditiva,...

 Estas 8 Competencias deben ser integradas e desenvolvidas en tódalas áreas curriculares.

Trataremos de facer unha reseña das 8 Competencias Básicas (8 CB):

 1.-Competencia en Comunicación Lingüística:  a través da consecución de obxectivos, contidos educativos e tarefas –actividades-exercicios de aprendizaxe posibilitaremos que o noso alumnado sexa competente no ámbito linguístico se utiliza a linguaxe como instrumento de  comunicación oral e escrita, de representación, interpretación e comprensión da realidade, de construcción e comunicación do coñecemento e de organización  e autorregulación do pensamento, das emocións, e da conduta. Para acadar o desenvolvemneto desta competencia fomentaremos e dinamizaremos a participación do alumnado, a toma de decisións empregando o consenso e o diálogo, respectando a diversidade de respostas, ofrecendo un clima que anime a ler, escribir e conversar.

2.-Competencia Matemática: o noso alumnado terá a competencia matemática desenvolvida se promovemos que empregue e relacione os números, as súas operacións básicas, os símbolos e as formas de expresión, razonamento matemático, tanto para producir como para interpretar distintos tipos de información. Tamén se fai un uso funcional de aspectos cuantitativos e espaciais da realidade que lle permitan resolver problemas  relacionados coa vida cotiá.  Así mesmo manexará elementos básicos matemáticos coma números de diferentes tipos: Medidas, símbolos,... en situacións reais  e da vida cotiá ao mesmo tempo que realiza razoamentos matemáticos.  Para acadar o desenvolvemneto desta competencia fomentaremos e dinamizaremos a aplicación e utilización de elementos e razonamentos matemáticos para enfrontarse ás situacións cotiás e reais.

3.-Competencia no Coñecemento e  Interacción co mundo físico: o noso alumnado terá competencia no coñecemento e interacción co mundo físico se favorecemos a habilidade e autonomía para interactuar co mundo físico comprendendo sucesos e feitos e previndo posibles consecuencias. Tamén se é quen de coidar do medio ambiente e de protexer a saúde individual e a colectiva. Para a adquisición desta competencia os docentes deberemos dinamizar e promover as habilidades de  investigación como formular hipóteses, observar, recoñecer evidencias, formular interrogantes, verificar, predecir, xerar solucións e novas ideas, descubrir alternativas.

4.-Tratamento da Información e Competencia dixital: o noso alumnado terá desenvolvida esta competencia se ten habilidade para buscar, obter, procesar e comunicar información pero tamén se esa información é quen de transformala en coñecemento e botando man das das TIC como elemento esencial para informarse, aprender e comunicarse en soportes orais, impresos, audiovisuais, dixitais ou multimedias. Para acadar o desenvolvemento desta competencia fomentaremos e dinamizaremos situacións nas cales sexa necesario resolver problemas reais, para a cal se recorrerá ao tratamento da información e ao uso dos recursos tic como blog, internet, teléfono, resolución de enigmas, busquedas do tesouro,....

5.-Competencia Social e Cidadá:  favoreceremos o desenvolvemento desta competencia se pomos ao alumnado en situación de ter habilidade para comprender a realidade social na que vive ao mesmo tempo que coopera, interacciona, resolve conflictos, toma decisións, elixe, se responsabiliza, ten consciencia das emocións e as autorregula, se coñece, se valora, se expresa en diferentes situacións, valora a vida comunitaria e comprende o seu funcionamento, valora as diferencias das persoas como algo enriquecedor, recoñece a igualdade de nenos e nenas , homes e mulleres, emprega a negociación e o consenso para chegar a acordos como forma de solucionar conflictos tanto no ámbito individual como no social. Ademais fomentaremos e dinamizaremos situacións nas cales sexa necesario resolver conflictos, dialogar, negociar, coñecer diferentes costumes, culturas, linguas, etnias, razas,....e tamén promovendo unha educación emocional enxerida no currículo e na vida da aula.

6.-Competencia Cultural e Artística:  o noso alumnado estará en proceso de adquirir e/ou adquirida  esta competencia se ten habilidade para comprender, coñecer, apreciar e valorar diferentes manifestacións culturais e artísticas, utilizándoas como fonte de enriquecemento e de gozo e considerándoas como parte do patrimonio dos pobos. Tamén serán competentes se son quen de apreciar o feito cultural en xeral, e o feito artístico en particular para o que deberán botar man de habilidades de pensamento, perceptivas e comunicativas, sensibilidade e sentido estético para poder comprendelas, valoralas, emocionarse e gozalas. Na educación infantil contribuiremos ao desenvolvemento desta competencia cando o centro e as aulas estean abertos ás diferentes  manifestacións culturais e artísticas, converténdose nuns espazos en que se aprecie e goce coa arte e coas manifestacións culturais, onde se potencie o emprego dalgúns recursos da expresión artística para realizar creacións propias; onde se manteña unha actitude aberta, respectuosa e crítica cara á diversidade de expresións artísticas e culturais e onde se impulse cultivar a capacidade estética e creadora de cada criatura e o interese por participar na vida cultural e por contribuír á conservación do patrimonio.

 7.-Competencia para aprender a aprender: o noso alumnado terá desenvolvida esta competencia se ten habilidade para iniciarse na aprendizaxe autónoma, de saber buscar información e ser capaz de continuar aprendendo de maneira cada vez máis eficaz e autónoma de acordo cos propios obxectivos e necesidades. Tamén deberá ir tomando conciencia das súas capacidades -intelectuais, emocionais, físicas- así como coñecer o proceso e as estratexias necesarias para desenvolvelas; deberá ser quen de interiorizar do que se pode facer por un mesmo e do que se pode facer con axuda doutras persoas ou recursos. Significa tamén que debe ser consciente do que se sabe e do que é necesario aprender, de cómo se aprende e de como se xestionan e controlan de forma eficaz os procesos de aprendizaxe, optimizándoos e orientándoos a satisfacer obxectivos persoais.

Contribuirase á mellora desta competencia dende o proceso de e-a deseñando unha práctica educativa que incida na potenciación da comprensión e da expresión lingüística, da memoria, da motivación, da observación, dos rexistros das aprendizaxes, do traballo cooperativo e por proxectos, da resolución de problemas, posibilitando por parte dos nenos e nenas a planificación e organización da tarefa que se vai realizar, a selección e o tratamento da información a través dos diferentes recursos tecnolóxicos.

8.-Autonomía e iniciativa persoal: o noso alumnado terá desenvolvida esta competencia se ten adquirida a conciencia e aplicación dun conxunto de valores e actitudes persoais interrelacionadas como a responsabilidade, a perseveranza, o autocoñecemento e a autoestima, a creatividade, a autocrítica, o control emocional, a capacidade de elixir, de calcular riscos e de afrontar os problemas, así como a capacidade de demorar a necesidade de satisfacción inmediata, de aprender dos erros e de asumir riscos. Por outra parte deberá ser quen de elixir con criterio propio, de propoñer proxectos e de levar adiante as accións necesarias para desenvolver as opcións e plans persoais -no marco de proxectos individuais ou colectivos- responsabilizándose deles tanto no ámbito persoal, como no social e no laboral.

Dende o proceso de e-a poderase contribuír a mellorar esta competencia sempre que se permita imaxinar, emprender accións, desenvolver proxectos individuais ou colectivos con creatividade, confianza e responsabilidade. O paradigma educacional  sobre a forma de aprender e de ensinar non se debe  a acumulación de coñecementos, senón o desenvolvemento das posibilidades que posúe calquera das nosas alumnas e alumnos mediante fórmulas «de saber» e «de facer» contextualizadas á vida cotiá.

O noso desexo é que este calendario favoreza o desenvolvemento físico, afectivo, social e intelectual de fillos e fillas, pais e nais e demáis membros da familia dun xeito divertido, comprometido e en familia.


DISFRUTADE EN FAMILIA!


RIDE EN FAMILIA!


 LEDE EN FAMILIA!


VISIONADE CINE EN FAMILIA!



Para que o mes de xaneiro estea a vosa disposición debedes premer no enlace de abaixo

https://www.dropbox.com/s/0e36v5hfb5p463y/XANEIRO%2014_2.pdf

Para que o mes de xaneiro estea a vosa disposición debedes premer no enlace de abaixo

https://www.dropbox.com/s/un80c3npgl7u6jr/FEBREIRO%2014%20EUROCIDADE_2.pdf