domingo, 31 de mayo de 2020

REFLEXIÓNS EDUCATIVAS PARA UN NOVO CURSO

Estamos rematando un curso 19-20 moi complexo no seu derradeiro trimestre: confinamento, ensinanzas telemáticas, a través de aulas ou plataformas virtuais, papel activo das familias no proceso de aprendizaxe dos fillos-as, descoordinación no números de actividades recibidas, desconexión dixital ou emocional, fendas educativas, sociais, culturais e tecnolóxicas, incremento da desigualdade, etc.
Agora é o momento de planificar o curso 20-21 que terá que implicar a toda a Comunidade Social non solo á educativa. Teremos que pensar e repensar a educación en cada centro educativo no ámbito curricular, metodolóxico e organizativo.
É certo que deberemos agardar por Instruccións pero, non é menos certo, que cada centro educativo coñece mellor que ninguén as posibilidades dos seus espazos, o número de docentes actuais ou os que se precisarían, as posibilidades da súa contorna que nos levará a ter unha valoración de fortalezas e debilidades. 
O alumnado de E. Infantil e de E.P. non pode nin debe quedarse na casa pois o rol docente na educación non pode ser substituido por pantallas ou por persoas coidadoras. As múltiples plataformas  educativas non son FERRAMENTAS PEDAGÓXICAS, son espazos virtuais 
Temos tres meses por diante para unha planificación diversa, complexa pero ao mesmo tempo apasionante.
Igual é o momento de grupos hetereoxéneos, igual é o momento de artellar diferentes ambientes de aprendizaxe con grupos hetereoxéneos, igual é a ocasión para abrir portas cara ao exterior,... Urxen reunións coas institucións para valorar espacios a posibilidade de empregar espazos da Comunidade como pavillóns, ximnasios, pistas polideportivas, salas de exposicións, casas culturais, bibliotecas, ... para poder desdobrar grupos ou para ter escolarizados 25-30 cunha distancia de 2 metros.
En etapas como secundaria ou en cursos como 5º-6º de E.P. existe a posibilidade dunha escolarización híbrida entre o presencial e o telemático consistente en ter ao alumnado no centro realizando actividades a través de aulas virtuais con supervisión non continuada de profesorado xa que nos centros educativos non habería atrancos de desconexión, de falla da conexión a internet, da non existencia de escaner ou fotocopiadora e sempre  coa referencia emocional dos iguais, dos seus amigos e amigas,...
A educación no contorno rural debe tornarse na oportunidade de aprender no contexto, co contexto e dende o contexto e ofrece a posibilidade dun menor número de nenos-as por aula. Cando haxa bó tempo os espazos exteriores deben empregarse como espazos de aprendizaxe.
As familias precisan certezas (dentro da situación atípica do momento e das condicións da evolución da pandemia) e esas certezas deben ser xestadas dende o agora, con calma, con sosego, con tempo,...
Débense analizarr e estudar todos e cada un dos espazos disponibles no centro e no contexto social da súa zona de influencia.
Outro tema importante é coñecer canto profesorado se precisaría para dar resposta ao alumnado (igual non tanto como se dí). 
Certas especialidades de E.P. e de E.I. como Música, E. Física ou Psicomotricidade teñen que ser concebidas doutra maneira pois debemos retirar as interaccións corporais e físicas (non as emocionais e afectivas) pero a creatividade fantástica do profesorado fará posible que se poida expresar corporalmente se necesidade de estar pegado ao meu amigo-a, compañeiro-a, en espazos amplos e sinalizando o chan podo desprazarme e bailar con cintas de cores, descubrimento de obxectos agochados en caixas, volteos, gateos por liñas, carreiras de saltos seguindo unha pista-liña debuxada no chan, realizar lanzamentos con globos, pasar por riba de ladrillos gardando equilibrio, carreiras de relevos a 3 metros de distancia sen tocar un testigo por pistas pintadas no chan similares aos relevos en natación, lanzamento de pelotas-balóns, circuito de bote de pelotas, mindfulness, ioga, etc. solo temos que "empaparnos" de maxia, de iniciativa e de asesoramento de expertos-as. En Música a manipulación de instrumentos poden alternarse semanalmente, pódese cantar, dar palmas, bailar en parellas-tríos separadas a máis de dous metros seguindo unha liña ou un circuito marcado no chan, escoita de pezas musicais de relaxación, marcar no chan círculos grandes e danzar dentro, colocar aros de danzar dentro, ...
Mención especial merece a organización espacial das aulas de E.Infantil xa que a distribución por recantos deberá replantexarse e ás veces reducirse e ir mudando cada semana.
Sería importante ter en conta que cada neno-nena teña unha caixa de uso individual con material como pinturas, lápices, ceras, ...e mesmamente puzzles, xogos de encaixe, material manipulativo,... de uso semanal que se desinfectará para uso de outros alumno-as na seguinte semana.
Relevante o reforzo de medidas de hixiene cada pouco tempo como lavado de mans, hidroxel, toallitas desinfectantes ou uso de mascarillas ou pantallas, ...Cada neno-a debe ser o seu propio protagonista da súa seguridade e ser, ao mesmo tempo, vixiante da seguridade dos demáis.
Xuntos e xuntas poderemos logralo! É o momento de buscar solucións e non atrancos! As Comunidades Educativas de cada centro deben artellar estratexias creativas e analizar a súa realidade para dar respostas a esa realidade que será diferente a outras realidades.
É certo que para logralo precísase o apoio da Consellería de Educación, das Concellalías de Educación, das Diputacións,...
Agora máis que nunca o traballo e a planificación debe ser unha tarefa colaborativa e cun compromiso compartido.