Páginas

jueves, 14 de noviembre de 2019

PAUTAS DE INTERVENCIÓN PARA UNHA COMUNIDADE EDUCATIVA INCLUSIVA

PAUTAS PARA UNHA COMUNIDADE EDUCATIVA  INCLUSIVA
1.Aproveitarase a diversidade como unha oportunidade para a construción da convivencia e o desenvolvemento persoal do alumnado, promovendo situacións de aprendizaxe útiles para a vida.
 2.Identificaranse, suprimiranse e/ou minimizaranse barreiras que impidan a participación. 3.Promocionaranse accións de sensibilización no relativo á diversidade e ás medidas de atención nas que poidan participar todos os membros da Xerarase debate sobre prexuízos existentes, entendendo que a igualdade debe empezar por cada un, recoñecendo a verdadeira dimensión da diversidade, e a contribución e beneficio que provoca no grupo, analizando a evolución das actitudes e dos valores do alumnado e a sociedade en xeral con respecto ás persoas coa síndrome de Down.
4.Facilitarase a identificación e promoción dos discursos que favorezan a diversidade en xeral, e a diversidade cognitiva en particular, contribuíndo a evitar a “etiquetaxe” e o “efecto Pigmalión” (ou profecía autocumprida) e a potenciar a mellora da acción educativa.
5.Fomentarase a participación e implicación de todos os membros da comunidade educativa na xestión, na planificación e no desenvolvemento do proxecto educativo.
6.Confiarase nas posibilidades do alumnado coa síndrome de Down, evitando expectativas baixas e trasladando esa confianza aos seus compañeiros e compañeiras.
7.Xerarase debate sobre prexuízos existentes, entendendo que a igualdade debe empezar por cada un, recoñecendo a verdadeira dimensión da diversidade, e a contribución e beneficio que provoca no grupo, analizando a evolución das actitudes e dos valores do alumnado e a sociedade en xeral con respecto ás persoas con NEE.
8.Estarase alerta ante posibles situacións de exclusión e desenvolveranse medidas e actuacións de tipo curricular, relacional e organizativo, para promover a convivencia positiva, a non discriminación e o respecto polas diferenzas máis alá do contexto de aprendizaxe da aula propiamente dito e estendéndose aos tempos de recreo e actividades extraescolares e complementarias.
9.Resaltarase a importancia de actuar ante calquera acto discriminatorio, no marco do Plan de convivencia do centro e o previsto nos protocolos de Educonvives.gal.
10.Fomentarase un bo clima de aula, acordando normas e pautas de comportamento para todos/as, empregando estratexias de cohesión de grupo e de mediación e resolución pacífica de conflitos entre o alumnado e entre alumnado-profesorado, favorecendo a convivencia e a tolerancia, etc.
11.Proporcionaranse canles comunicativas como a oral, visual e táctil, mediante o emprego de sistemas alternativos ou aumentativos de comunicación (SAAC) que recorran a sistemas pictográficos, signados, etc. ao alumnado que teña dificultades para empregar a comunicación oral, permitindo, así, acceder á información a través destes modelos, e permitindo, tamén, que o alumnado poida expresarse e compartir as súas aprendizaxes empregando estes soportes. Os SAAC serán empregados polo alumnado usuario na súa relación con toda a comunidade educativa.
12.Paralelamente concienciarase á comunidade educativa sobre a importancia de utilizar, por parte de todos e todas, formatos de comunicación diversos que aseguren a comprensión por parte deste alumnado.
13.Recollerase na concreción anual do Plan xeral de atención á diversidade, que forma parte da programación xeral anual, as medidas dirixidas a evitar ou minimizar as barreiras que impidan a participación e a aprendizaxe do alumnado.
14.Prestarase especial atención á acollida deste alumnado así como aos períodos de transición entre etapas educativas, mesmo entre os distintos niveis.
15.Informarase e formarase ao profesorado para crear contornas sen barreiras e poder dar resposta ás necesidades de atención e apoio de todos os alumnos/as, dando prioridade ás actividades formativas en función das necesidades dos e das profesionais e do centro, establecendo espazos e tempos para o seu desenvolvemento.
16.Promoverase intervencións directas de formación, asesoramento e apoio en colaboración coas entidades especializadas, que difundan a realidade das persoas coa síndrome de Down e doutros colectivos, desmontando estereotipos, poñendo en valor os proxectos de formación en centros e as Escolas de Nais e Pais.
 17.Facilitarase, desde a organización do centro, a coordinación entre os profesionais que interveñen co alumnado coa síndrome de Down, favorecendo e promovendo que atopen espazos e tempos para realizar planificacións conxuntas e para que a intervención se realice co maior grao de coherencia, de coordinación e de colaboración posible. 18.Trataranse de definir os roles e as funcións de cada persoa que forma parte do equipo educativo, na procura dunha intervención conxunta e coordinada.
19.Sistematizarase o intercambio de información relevante nos cambios de curso e de etapa educativa ou de centro do alumnado coa síndrome de Down, para asegurar a continuidade do proceso formativo e favorecer a atención educativa máis axeitada a cada alumno ou alumna.
20.Impulsarase a comunicación e coordinación entre a familia, o profesorado e os servizos de orientación; e, a través da familia, con outros servizos e entidades que atenden o alumnado coa síndrome de Down.
21.Favorecerase a creación de grupos equilibrados en canto ao alumnado que presenta especiais dificultades, onde, sempre que sexa posible, se manteñan os vínculos con compañeiros/as de referencia do centro ou etapa anterior, que sirvan como apoio natural no proceso de adaptación no novo centro ou etapa. Polo xeral, os compañeiros son una fonte de información e apoio importante.