Páginas

lunes, 17 de septiembre de 2018

RESPONDENDO Á DIVERSIDADE, 2º PARTE



Un proxecto educativo comprometido coa inclusión, debe identificar todas  aquelas posibles barreiras que impiden e ou dificultan a accesibilidade e participación de todo o alumnado no proceso educativo. A continuación, citamos algunhas desas barreiras que poden dificultar a dita participación e ás que deberemos prestar especial  atención para poder abordalas:

Barreiras sociais: refírense aos obstáculos mentais e actitudinais: baixas expectativas, sobreprotección, medo, rexeitamento, indiferenza, falta de apoios, etc. son barreiras que condicionan a vida dunha persoa facendo que se sinta máis ou menos capaz e máis ou menos incluída.

Barreiras físicas: fan referencia a obstáculos da contorna que impiden ou bloquean a mobilidade ou o acceso. Na resolución de actividades e exercicios, suporían unha execución motora que non pode ser salvada por alumnado con dificultades psicomotoras. Podemos eliminalas se deseñamos actividades e tarefas con diferentes alternativas para a súa execución. Deberemos propoñer diferentes formas de presentación de actividades e diferentes vías de execución e expresión: gravación de audios, vídeos, elección de ilustracións, escritura ao ditado, actividades manipulativas, etc., que permitan adquirir e valorar as aprendizaxes, considerando a diversidade do alumnado.

Barreiras sensoriais: son as relativas á percepción sensorial, é dicir, á maneira en que percibimos a información a través dos sentidos. Para atender a diversidade da aula, deberemos considerar a presentación da información a través de diferentes modalidades sensoriais (auditiva, visual, táctil...).

Barreiras cognitivas: están relacionadas cos procesos mentais que interveñen na resolución de tarefas e actividades cognitivas. Podemos facilitar o acceso aos contidos empregando certos apoios que activan os procesos cognitivos. As axudas conceptuais, como organizadores gráficos, mapas mentais, rutinas de pensamento ou autoinstrucións son instrumentos que se poden empregar na aula e que resultan de utilidade para o grupo-clase, ademais do deseño universal para a aprendizaxe (DUA), que inclúe criterios de lectura fácil.

Barreiras estruturais: son as derivadas de situacións de aprendizaxe nunha contorna desordenada, pouco predecible, inestable, sen organización do traballo... Poderían superarse empregando un sistema de traballo organizado e predicible, con apoios visuais que lle permitan ao alumnado orientarse sobre o que hai que facer; con apoios espaciais, e distribución de espazos de aula que axuden a coñecer onde hai que facelo; e con estruturas e rutinas que acheguen seguridade para saber cando hai que facelo.

Barreiras comunicativas: empregar unicamente a ruta auditiva e o uso da linguaxe oral, pode supoñer unha barreira para atender a diversidade da aula. É preciso proporcionar diversas canles comunicativas como a visual, táctil, pictográfica, signada... facilitando ao alumnado que poida expresarse e compartir as súas aprendizaxes empregando estes soportes.

Barreiras curriculares: a falta de flexibilidade e a homoxeneidade nas propostas educativas, nos materiais, nas metodoloxías, etc. condicionan a adquisición das aprendizaxes e o tipo de interaccións e relacións que se dan na aula. Unha programación axustada á diversidade, a implementación e diversificación de estratexias, o deseño multinivel con actividades e materiais didácticos con diferentes niveis de complexidade para a resolución de tarefas, metodoloxías cooperativas que faciliten a participación equitativa e o apoio mutuo, unha avaliación por competencias con criterios de equidade, a coordinación e colaboración entre o profesorado, a docencia compartida... son aspectos que poden salvar certas barreiras curriculares

BARREIRAS EMOCIONAIS: o alumnado debe ser respectado, debe ser coñecedor de que se confía en él, que temos altas expectativas sobre eles, debe coñecer e expresar as súas emocións, que coñecemos e visibilizamos as súas fortalezas, que temos un bó autoconcepto del/dela,…