Páginas

viernes, 18 de abril de 2014

A MESTRA CLARA TORRES, A NOSA PREGOEIRA NAS FESTAS DE SAN TELMO




Mañán sábado, 19 de abril, a nosa mestra xubilosa CLARA TORRES será a pregoeira das Festas de S. Telmo.

Para o centro é unha honra e un orgullo que a persoa que pon nome propio a este CRA se lle recoñeza en certa medida o seu papel relevante no eido da educación non só como educadora senón tamén como defensora da escola rural, da participación das familias, da educación para a Paz (con Escolas de Valença do Minho nos anos 90,  denominado Somos veciños e veciñas, seremos amigas e amigos), entre outros moitos ámbitos.
Dende este espazo "blogueiro" expresarlle as grazas polas ensinanzas recibidas, vividas, sentidas sobre a educación, sobre os valores, ...en definitiva APRENDIZAXES COMPETENTES PARA  A VIDA.

Quixera compartir cos lectores deste blog algún dos parágrafos do pregón:

“A MULLER será a protagonista case absoluta do meu sincero pregón asumindo a súa voz para expresarme, rebuscando no tempo e na memoria.


…a voz tan especial, ás veces pouco valorada, das mestras que, dende as respectivas parroquias integrantes do Concello, formaron o tecido social, cultural, emocional de todos nós. Daquela , as mestras chegaban ao seu destino para enterrar as raíces na mesma leira na que crecían as súas alumnas. Entretecían as polas da súa árbore froiteira coa vecindade e alí ían facendo a sementeira, día a día sabendo que a colleita non sempre cumpría as súas expectativas porque as nenas e os nenos, sobre todo no campo, ás veces tiñan que deixar a escola para axudar á familia a saír adiante. Elas fiaban máxicas estratexias, malia as condicións ás que se tiñan que adaptar: lugares inhóspitos, fríos, con buracos no chan, no tellado, nas paredes; onde o material didáctico eran a voz, o encerado, a variña de sinalar e a pizarra co pizarrín… Que lembranzas! Parecen prehistóricas, e aínda foi onte, como aquel que “dis”.


Gustaríame homenaxear ás primeiras mestras que levamos no recuncho das lembranzas lonxanas como raíz das nosas primeiras identidades: MARINA e FLORA  en Areas; Adela en Pexegueiro; Gloria en Malvas; Emérita en Randufe; Mª Luisa e Pilar en Frinxo; Julita en Ponte; Vicenta e López de Sáa en Pazos; Eufemia en rebordáns; Adela e Isabel en Ribadelouro; Albina e Bernarda en Guillarei; Crescencia en Paramos; Paula en Baldráns; M. Carmen en Caldelas. En Tui, recordar as Monxas “Blanquitas”, ás de La Milagrosa, Doroteas, a Señorita Socorro, Blandina, Rosita, Mari, Esther Vilches e, seguramente, algunha faltará na desgastada  memoria (…)  a todas estas Excelentísimas Señoras non lles puxen diante o tratamento de respecto porque vai na propia etimoloxía da palabra mestra ou mestre que significa  na súa orixe o máis alto grao no saber ou dominio dunha profesión en oposición a ministro ou ministra que era o máis baixo lugar na mesma escala de valores. Nin falar de cómo viraron as tornas…En calquera caso, un recoñecemento agradecido a tódalas MESTRAS E MESTRES, do noso camino!


(…) Pero, non  me sentiría voceira da muller anónima, da cidade e do rural, se non trazase un emocionado percorrido pola biografía xeral da muller labrega, como a miña nai, a nai de tantos de vós e vosoutras mesmas, (…)Non había despertador, pero moito  antes de que alborease, as vacas munxidas, as cortes estrumadas, o caldo quente (…) os baldes de auga da mina, carrexados sobre a cabeza. As roupas recosidas, remendadas, relavadas de xeonllos, rezando de xeonllos, apañando herba de xeonllos, sempre axeonllada, para confesar os pecados axeonllada, para pedir perdón por ter nacido muller e no seo da parte máis dura da sociedade. Elas non sabían que eran Tituladas superiores na universidade da Vida. A que enseña as ciencias máis importantes da humanidade. Tituladas en Puericultura, meteoroloxía, ética, Dereito Familiar, Moral, poetas en transmitir a cultura do noso ser galego, da nosa preciosa Lingua, aínda que nunca lle adicasen un “Día das Letras galegas”…eran menciñeiras e sanadoras das doenzas do corpo e do espírito. Sabíano todo, todiño, agás, ás veces, ler e escribir (…)”


Se queredes coñecer algunha nova sobre o seu pregón premede no seguinte enlace:
http://www.farodevigo.es/comarcas/2014/04/20/clara-torres-rinde-homenaje-primeras/1008130.html

Dende este espazo GRAZAS por lembrarte das MULLERES, das MESTRAS do RURAL tantas veces invisibilizadas, tantas veces ignoradas, tantas veces innombradas.