Páginas

jueves, 27 de agosto de 2020

PENSAMENTOS EDUCATIVOS PARA UN INICIO DE CURSO SAUDABLE

 


Un novo curso está a piques do seu inicio. Un curso 20-21 complexo, difícil e diferente. Pero, por esa mesma dificultade, APAIXONANTE e EDIFICANTE.
Debemos partir dalgunhas premisas  fundamentais:
-Nun contexto COVID-19 a seguridade total non existe, o risco 0 non podemos nin debemos contemplalo. Sempre existe un risco como acontece nas cafeterías, parques, praias ou rúas ...
-As aprendizaxes presenciais son fundamentais e non se poden substituir por nada xa que son a mellor ferramenta inclusiva e igualitaria.
-A seguridade non só está sustentada na disminución da ratio senón en moitas outras cuestións como crear grupos estables de convivencia, ventilación, limpeza, desinfección ...
-A presencialidade integrará accións para coñecer a competencia dixital do alumnado e familias, o "bó uso das Tic no centro", as carencias e dificultades  de cada contorna familiar en canto a conexión, manexo de plataformas telemáticas, de ferramentas Tic entre outras cuestións.
Establecido o anterior debemos transmitir mensaxes de coherencia, de tranquilidade pois os discursos na prensa escrita, na radio ou na TV están a xerar desacougo entre as familias.
As persoas docentes debemos transformar os nosos esquemas educativos, pedagóxicos, organizativos, metodolóxicos e curriculares pero sen perder calidade educativa innovadora. Nestes momentos a creatividade e a innovación deben ser os nosos ronseis.
Cada centro educativo é diferente en canto a tipoloxía de alumnos e alumnas, profesorado, espazos, recursos, plans, metodoloxía e, por este motivo, cada Comunidade Educativa e cada Equipo Directivo buscará solucións "á carta" para a distribución dos espazos, dos recursos materiais a empregar, do procedemento para o uso da Biblioteca ou patios de recreo, adecuación dos horarios e currículo dende unha perspectiva de flexibilización e co cobertor de aprendizaxes imprescindibles e esenciais.
É incerto que os centros educativos, a día de hoxe, permanezan igual que hai un ano pois durante os meses de xullo e agosto estase apostando por unha organización diferente que dean respostas peculiares sen desbotar proxectos e metodoloxías innovadoras.
Que facer co currículo? Dende a integración das CCCC no currículo lévase demandando un "adelgazamento" do currículo das diferentes etapas e cursos. Pois ben, estamos no momento idóneo para reducilo e adecualo e adaptalo ás necesidades do momento, das capacidades, habilidades, intereses ou motivacións do alumnado e este proceso debe ser realizado por cada equipo docente pois somos os que mellor coñecemos a nosa realidade xa que os imprescindibles dun centro non coinciden cos elexidos por outro centro escolar e os currículo establecidos serán o marco de referencia e nunca ser o marco que afogue.
Logo da valoración e o análise da competencia curricular do alumnado e da posterior adecuación dos contidos imprescindibles e prioritarios das áreas será necesario o deseño de secuencias ou propostas didácticas a través de proxectos, retos, situacións-problema, tarefas integradas, etc. con visibilización de ODS, CCCC ou EMOCIÓNS o que non supón máis currículo senón que están enxeridos nel. 
Todas as eivas atopadas durante os meses de confinamento deben reformularse agora e posibilitar ao alumnado e as familias competencias tecnolóxicas.
Como fomentar a seguridade, as aprendizaxes colaborativas, emocionais mantendo distancias? Agora É O MOMENTO para empregar muros colaborativos, para usar na presencialidade algunha sesión de clase virtual, para crear horarios diferentes que pechen o máis posible o número de docentes cada quincena, para ensinalos a escoitar a través dunha pantalla (por se acaso), para ter foros de opinión nas aulas, para indagar sobre emocións, desigualdades ...pois a educación dos afectos e dende os afectos, a educación sensorial ou a educación emocional deben ser ámbitos para traballar tódolos días. Aquí toca reinventarse pois as nosas voces, as voces do alumnado, as nosas miradas, a nosa xestualidade, a nosa presencialidade  e as voces, xestos, miradas e presencias do alumnado... van ser máis importantes para o desenvolvemento emocional que as clases virtuais no fogar.
Como organizar horarios? Algunha consideración a ter en conta na elaboración de horarios é que deben controlarse o número de docentes por cada grupo cada día. Esto leva retirar os esquemas preconcebidos dos horarios ao longo dos anos. Hai que optimizar os recursos persoais e, para iso, hai que transformar e complementar os perfís docentes. Débense crear GRUPOS DE CONVIVENCIA ESTABLES E SEGUROS e, se o profesorado especialista, itinera ou pasa por todos os grupos ao longo da semana córrese máis risco dun confinamento se o docente especialista da positivo. Os perfís docentes deben mudar e ampliarse tamén en docentes que apoian e reforzan aprendizaxes, que motiva ou que dinamiza. 
Se queremos ofertar unha educación INCLUSIVA e COMPENSADORA das DESIGUALDADES (finalidade da educación) debemos facer posible e o "imposible"   para crear solucións e estratexias diversas nestes momentos. A presencialidade fará posible as conexións a internet, a velocidade de rede, o traballo en equipo, aprender en comunidade ou as interaccións sociais entre iguais(mantendo as distancias).  
Como desdobrar grupos sen necesidade de profesorado? Un exemplo: Reagrupando grupos como 1º/2º E.P. e de 50 alumnos en dos grupos podemos crear tres grupos de menos con dous/duas titores-titoras e un especialistas que rotan por eses tres grupos. Nun centro de 9 unidades precisarianse 4-5 espazos extra (corredores, biblioteca, aula de música, ximnasio, patios cubertos ...) Cada dúas semanas múdase de especialista. O resto do alumnado recibe docencia tamén da especialidade a través de medios telemáticos pero co acompañamento de profesorado no centro.
Como organizar ambientes ou recantos de aprendizaxe? Nas aulas pódense crear ambientes e/ou recantos e/ou estacións de aprendizaxe para traballar en parella. Os vinilos no chan, telas ou carteis no teito poden ser motivadores e servir para pendurar información de proxectos.
Que facer co uso do material? Recomendable que cada alumno-a teña un contedor co material necesario e de uso individual. Desbotar das aulas coxíns, mandilóns, cepillos de dentes, vasos no baño para beber (estarán na súa mochila e levarase para casa cada día para desinfección), alfombras no chan de tela, etc

A implementación do Protocolo de Adaptación ao COVID (pendente de instruccións definitivas nos vindeiros días) NON transforma aos docentes en persoal coidador e aos centros escolares en espazos "gardadores" de nenos-nenas. Nos centros educativos edúcase e ensínanse, apréndense e foméntanse as aprendizaxes  relacionadas coa hixiene, seguridade, saúde física e emocional e estes ámbitos non son "extracurriculares" senón que se imbrican co currículo de CC da Natureza, CC Sociais ou Valores Sociais e Cívicos como unha "segunda pel".
A educación edifícarase en propostas que fomenten as actividades no exterior (fotografar, pintar, esculpir, correr, observar), o escoitar, o falar, o conversar, o argumentar, o pensar, o crear ou o contrastar a través de momentos para contidos/coñecementos teóricos e para resolver situacións problema, retos, desafíos, aprender a pensar, ser autónomos, tomar decisións ou iniciativas.
Todo o vivido ata este momento nas escolas  debe ser reinventado, debe ser transformado ou debe ser reflexionado pois o momento actual nada ten que ver coa historia anterior nos centros pero existe un valor engadido: todas as persoas docentes temos competencias profesionais dabondo (e senón formarnos) para RECREAR UNHA NOVA EDUCACIÓN.

O relevante hoxe, mañán e nos vindeiros días e meses é SENTIRSE XUNTOS-XUNTAS! PENSAR XUNTOS-XUNTAS!
Precísase PAIXÓN, COMPROMISO e IMPLICACIÓN coa EDUCACIÓN.