Páginas

sábado, 25 de abril de 2020

FALANDO, FALANDO!

O desenvolvemento da fala é primordial na etapa de E. Infantil. E nestes días de confinamento o proceso debe continuar.   
A premisa debe partir de que cada neno-nena, cada ser humano é diferente. Dende os centros educativos deberemos adecuar a resposta educativa ás diferentes características e necesidades, ritmos e estilos de aprendizaxe, motivacións, intereses e situacións sociais e culturais de todo o alumnado (art. 3 D. 229/2011). Unha desas características diferenciadoras é o grao de desenvolvemento da linguaxe oral no plano da comprensión e da expresión.
O maior ou menor grao de desenvolvemento fai que un neno ou unha nena teña un diferente ritmo de aprendizaxe, que teña un estilo de aprendizaxe peculiar ou que non sinta a necesidade de falar ben ou crea que non sabe facelo.
A problemática máis común na etapa de E. Infantil é a dislalia que consiste en dificultades na articulación de fonemas por ter  inmadurez psicomotriz,  trastornos respiratorios, inmadurez dos órganos fonoarticulatorios, mala percepción e discriminación auditiva e inaxeitada axilidade  bucofacial.
Dificultades da fala:
Dislalia: Trastorno da capacidade para articular ou pronunciar correctamente fonemas (son). Existen Dislalias fisiolóxicas, audióxenas, funcionais e orgánicas. Ex. cado en lugar de carro, tasa en lugar de casa.
Disartria:  dificultade para articular sons ou palabras. Teñen dificultade para controlar ou coordinar os músculos que interveñen na fala como fala rlento, moi baixo, voz entrecortada, dificultades para masticar, tragar, pouca mobilidade na lingua,...
Disglosia: Trastorno na pronunciación causado por lesións físicas ou malformación (disglosias linguais, labiais, mandibulares, dentais, palatais,)
Disfemia ou tartamudez: Trastorno caracterizado polo tropezos, espasmos, repeticións. Poden os síntomas ser lingüísticos, psicolóxicos, motóricos e leva asociado autoestima, relacións cos demáis. Pode ser: 
-Tónica: bloqueos iniciais, fortes espasmos.
-Clónica: Reiteracións de sílabas iniciais, espasmos leves pero repetidos.
-Mixta: combina ambas.
Inmadurez articulatoria: Á diferencia da dislalia que é un trastorno fonético, esta é unha dificultade fonolóxica. Relaciónase coa pronunciación de palabras e frases a pesar de ter unha correcta pronunciación de fonemas e sílabas ailladas. 

-Omisións de fonemas ou de sílabas enteiras.
-Confusións e substitucións de fonemas.
-Duplicacións de sílabas (/títate/ por /quítate/)
-Inversións silábicas (/tefélono/ por /teléfono/).

As familias deben implicarse no desenvolvemento destes aspectos para que a nena e o neno non perciba que “fala mal” e deixe de facelo.
Todas as actividades proposta serán realizadas coma un xogo e deberanas facer tamén os adultos que estean cos nenos e nenas.

Ámbitos a traballar para estimular a fala e a linguaxe
Os ámbitos máis relevantes que hai que traballar son: Atención, percepción  e imitación visual, percepción auditiva, relaxación, respiración, articulación, vocabulario e estructura morfosintáctica, comprensión e expresión oral, fluidez verbal e a voz.