Páginas

domingo, 29 de marzo de 2020

REFLEXIÓNS EDUCATIVAS EN TEMPO DE CONFINAMENTO


Ao longo destes días con tranquilidade, sosego  e tempo é un bó escenario para reflexionar sobre educación. Para poder avanzar e aprender é necesario deterse e realizar unha breve radiografía da situación:
-Profesorado asumindo funcións de teledocencia e buscando fórmulas para a interacción co alumnado e familias: O profesorado tivo que adaptarse a unha nova realidade e sen experiencias previas (en moitas ocasións) no uso da docencia empregando ferramentas TIC. A premura para que o alumnado seguise a aprender (apenas 24 horas) fixo que nos lanzásemos a crear, buscar e reproducir  recursos. Pero esa premura fixo que nos reparámos nalgunhas cuestións: ¿cantas veces mandaran ao seu alumnado realizar un escaneado, unha impresión  ou remisión dun documento a través do e-mail?, ¿en cantas ocasións implementaran a creación dun DRIVE ou subir ou abrir enlaces do Drive?, ¿existiron situacións nas que se empregou PADLET para realizar tarefas en rede?
- Incremento e proliferación de recursos telemáticos, ferramentas dixitais e plataformas con recursos educativos: A situación fixo pensar que as familias deberían ter un banco de recursos de aprendizaxe para que os fillos e fillas non paralizasen o seu proceso de aprendizaxe. Por ese motivo apareceron múltitude de recursos en rede. Pola súa parte, o profesorado  
-Alumnado e familias realizando tarefas telemáticas, virtuais que envían os docentes. En moitos contextos familiares os nenos e nenas igual non podían estar durante o día cos seus proxenitores senón con avós e avoas que deben coidar a persoas dependentes e, por este  motivo, o prioritario non era facer "deberes". Outras situacións nos leva a fotografiar a familias traballando  e con xornadas laborais complexas e duras que fai difícil pensar nas actividades escolares. É se a cobertura non existe ou se non hai trebellos tecnolóxicos as recomendacións escolares son inviables.
Por outro lado, o alumnado de E. infantil E primeiros cursos de E.P. non teñen suficientemente desenvolvida a autonomía, a capacidade de traballar sós. E nos derradeiros cursos de E. Primaria poderíanse dar as circunstancias da posible existencia da capacidade de esforzo, de traballo autónomo, etc. pero estes aspectos hai que "traballalos" antes, hai que vivencialos anteriormente.
Seguimos a esixir ao alumnado o mesmo que se as clases fosen presenciais e se nos esquece que as interaccións entre iguais, as linguaxes non verbais nas aulas e mesmo a a motivación medra nas aula.
-Familias teletraballando e empregando ordenadores e tablets: Neste espazo familiar é complexo que o alumnado poida estar, ao mesmo tempo, realizando as súas tarefas escolares on line ou collendo enlaces é unha misión imposible. Serían necesarios máis ordenadores ou tablets  pero iso suporía máis desigualdade. Por outra banda o estado emocional de moitas familias polos ERTES está ocasionando inseguridade, desazón e preocupación polo que o avance ou non do desenvolvemento curricular de fillos e fillas queda nun segundo plano.
-Familias sen formación e competencia dixital: Durante anos, ainda que sabemos que as familias deben ser corresponsables da educación dos fillos e fillas e, en poucas ocasións, desenvolvemos formación e orientación familiar. Sabemos se as familias saben manexar un DRIVE? Papás e mamás teñen competencias en videoconferencias? Os proxenitores teñen competencia no desenvolvemento curricular e na resolución de cuestións relacionadas cos "deberes"? Cales serán os motivos polos que un 80% de alumnado nalgúns centros non devolvan as tarefas ao profesorado?
-Canles de TV con recursos  para o alumnado memorísticos, mecánicos, descontextualizados, que non  levan  ao alumnado a pensar, a argumentar ou a ser competente. As persoas que mellor coñecen ao alumnado son as titoras e titores, as docentes e os docentes do centro e, por este motivo, debemos fuxir de conectar ao alumnado a unha pantalla e por riba con propostas obsoletas e nada competenciais.
-Plataformas, blogs, enlaces,... de recursos educativos: No afán colaborador coas familias e cos docentes lanzámonos a xerar recursos e recursos sen demasiada validez pedagóxica.  Confundimos cantidade con calidade e por usar as Tic non quere dicir que favoreza a reflexión, o aprender a aprender, a tomar iniciativas, o protagonismo activo do alumnado,... pois na maioría dos casos son propostas mecanicistas, transmisivas ou repititivas. Onde quedaron as tarefas e desempeños que promovan a creatividade, a solidariedade, o consumo responsable, un medio ambiente sostible, etc.
-A educación compensa desigualdades e a fenda educativa da desiguladade estase a disparar nestes momentos. Aqueles alumnos e alumnas de entornos familiares estimulantes, creativos, responsables terán unha oportunidade para seguir enriquecéndose no fogar mentras que aqueles nenos e nenas de ambientes e contextos xeográficos desfavorecidos incrementarán a súa desigualdade. O confinamento nos fogares confinará tamén as posibilidades de aprendizaxe en comunidade ou en interacción cos demáis.
-Preocupación pola perda ou non do curso escolar: Dende o inicio do curso escolar, no mes de setembro e, ata o 13 de marzo, pasaron 6 meses. Cunha operación matemática poderemos comprobar que xa pasou 2/3 do calendario escolar. Os contidos curriculares vanse construindo curso a curso e sempre repetimos contidos. Se existe unha boa planificación e desenvolvemento curricular  no centro existen un mínimo de contidos novos  cada curso pois os demáis serven para reforzar, para complementar. Por este motivo, o curso non está perdido. Se os docentes pensamos nisto e que poucas aprendizaxes realizaron os nenos e nenas nas aulas ata o mes de marzo. Lembremos que en abril tiñamos vacacións de S. Santa, 1 de maio festivo e, por cuestións atmosféricas, en maio e xuño sucédense saídas complementarias (moitas delas descontextualizadas e sen valor curricular ou pedagóxico).
- Sistema de avaliación das tarefas realizadas  no fogar no confinamento  a través da valoración do esforzo pero tamén do desempeño  de forma cualitativa e non cuantitativa e que non produza unha fenda na igualdade da educación para todos. Pidamos que nos relaten a través de textos escritos ou audios que fan cada día e igual descubrimos que axudan nas tarefas domésticas, colaboran no coidados da horta ou dos animais, participan en conversas  ou no coidado de persoas maiores.
-Incertidume sobre a avaliación do alumnado se o curso non se reinicia: O alumnado terá unha avaliación normal do 2º Trimestre e para a valoración do terceiro trimestre teremos que  botar man do grao de consecución dos mínimos esixibles establecidos na programación pero tamén vai serr o momento de que os equipos docentes valoren cales son os contidos básicos, útiles para a vida, relevantes e necesarios para poder seguir con aproveitamento o seguinte curso. Tras ese análise igual se descubre que a maioría dos contidos estaban desenvoltos  e que ao inicio do curso seguinte realizarase un recorrido cara atrás para poder avanzar, como se realiza en cada inicio de curso para poder "andamiar" as novas aprendizaxes. Ainda que exista alumnado que non ten acadado o desenvolvemento das competencias e dos obxectivos plantexados inicialmente nos 2 primeiros trimestres penso que non é o momento de favorecer a non promoción. Eso sí, cun programa de reforzo ou de recuperación e de apoio personalizado, realista, sistematizado e cun cronograma de titorización por parte dos docentes. Non estamos falando aquí de aprobado xeral, estamos establecendo que os dous trimestres avaliados deben ser o referente e o punto de partida para o inicio do curso escolar.
-Pantallas e pantallas: Sempre estamos a falar da necesaria desintoxicación tecnolóxica do alumnado no fogar e agora somos os docentes os que priorizamos eses uso. Existen moitas actividades para aprendizaxes dinámicos ou competenciais que non precisan ferramentas tecnolóxicas: calcular o gasto da cesta da compra, falar e conversar, escoitar, saudar aos veciños e veciñas,  ler, expresar sentimentos ás persoas da familia, cociñar, limpar,...
Conclusións:
-A xestión e a reparación emocional das familias e alumnado deben ser o prioritario neste momento.
-Se queremos que o alumnado sexa autónomo e responsable poñámolos en situacións para selo ao longo do curso presencial e non na situación de Alarma Nacional.
-Se as aprendizaxes non son significativas case mellor que se perdan  pois non van formar parte dese universo persoal ao longo dos anos.
-Pensemos en acompañar ás familias e non agobialas con chamadas, videochamadas e dando tranquilidade, asesorando, calmando, tranquilizando e dando respostas que son de sentido común ás incertezas (ainda que non as teñamos).
-Se o curso se inicia alá polo mes de maio o alumnado e o profesorado precisará rir, sentir, soñar, interaccionar, coñecerse de novo (xa que medrarían emocionalmente) e non pecharse entre catro paredes da aula para seguir un ritmo normal xa que nada será igual nin deberá ser igual. Será a oportunidade para coñecer como se sentiron, como se senten, que botaron en falta, que fpoi o que máis lles gustou nos días de confinamento,...e aí atoparemos sin lugar a dúbida moitos contidos curriculares como  empregar a linguaxe para argumentar, describir ou descubrir que os contidos relacionados cun consumo responsabvle estivo moi presente nos fogares xa que se evitou ir moitas veces ao supermercado, reciclouse comida,...
-Busquemos estratexias efectivas para que o alumnado teña neste periodo posibilidades de aprender competencialmente a través de tarefas ou resolucións de situacións problema pois seráa mellor bagaxe para iniciar un novo curso en setembro. Cando se expón que queremos alumnos e alumnas competentes, seres humanos competentes supón que son quen de poñer en práctica habilidades, coñecementos, motivacións, valores éticos, actitudes, emocións e outros compoñentes sociais e de comportamento que se mobilizan conxuntamente para lograr unha acción eficaz (Orde ECD 65/2015).  É o momento de facer prácticas no contexto educativo informail que é a familia. Ofertemos actividades para «saber facer» pois lle valerán  para a súa realización e desenvolvemento persoal, así como para a cidadanía activa, a inclusión social.   Por outra parte, este tipo de aprendizaxes perfectamente realizables no fogar (Exemplos en CALENDARIOS COMPETENCIAIS) favorecen a motivación por aprender.
-A implementación e proliferación das Tic nestas dúas semanas non quere dicir que poñamos en acción metodoloxías activas, dinámicas, creativas senón que podemos estar a mutalas co cobertor da innovación pois igual estamos a empregalas de forma reproductiva, como un medio para "lanzar" fichas e fichas via telemática.  
-Existe alumnado e familias diversas e cada unha desas familias e dese alumnado deben ter  unha atención personalizada, individualizada pois hai que respectar os distintos ritmos e estilos de aprendizaxe, situación social, intereses e sempre partindo do nivel competencial inicial destes.
-Reformulemos, desaprendamos o aprendido que resulta ineficaz, espertemos e manteñamos a motivación e a curiosidade (Educar en la realidadEducar en el asombro, La Educación por escenarios)  por adquirir coñecementos, destrezas e actitudes e valores en situacións reais e creativas da súa vida diaria pois serán aprendizaxes máis transferibles e duradeiras.
-Deixemos tempo libre para aburrirse pois neses momentos se crea, se buscan estratexias para non aburrirse e se logran grandes descubrimentos: podo cantar, podo bailar, podo escoitar as conversas dos adultos, podo crear unha letra para unha canción, podo inventarme un doce,...
-Busquemos e atopemos os piares dunha nova educación  baseada no ser, no sentir, no convivir, no facer e tamén no coñecer (por esta orde). Este tempo deberá ser un TEMPO gañado para a EDUCACIÓN.

Sintamos a necesidade de mellorar a educación, de crear unha nova realidade educativa!
Imos aló!