Páginas

miércoles, 3 de enero de 2018

PRESENTACIÓN CALENDARIOS COMPETENCIAIS 2018


Onte presentáronse na Diputación de Pontevedra os novos CALENDARIOS COMPETENCIAIS para as familias de EDUCACIÓN INFANTIL e de EDUCACIÓN PRIMARIA.
Para que?
Unha das finalidades da educación é favorecer as aprendizaxes competenciais e que as familias sexan axentes educativos activos e corresponsabeis.
Polo tanto, dentro das funcións dos docentes (Título III, Cap. I, art. 91) aparecen:
-orientar ás familias sobre as aprendizaxes dos seus fillos
-apoiar e orientar o proceso educativo dos alumnos e alumnas en colaboración coas familias
 Baixo as recomendacións anteriores é preciso, polo tanto, de deseñar accións, recursos, estratexias que favorezan non só formar ás dfamilias senón tamén ofrecer a posibilidade que desenvolvan aprendizaxes competenciais no contexto familiar e social.


DeSeCo (2003) define competencia como «a capacidade de responder demandas complexas e levar a cabo tarefas diversas de forma adecuada». A competencia «supón unha combinación de habilidades prácticas, coñecementos, motivación, valores éticos, actitudes, emocións e outros compoñentes sociais e de comportamento que se mobilizan conxuntamente para lograr unha acción eficaz». Considéranse, pois, como coñecemento na práctica, é dicir, un coñecemento adquirido a través da participación activa en prácticas sociais e, como tales, pódense desenvolver tanto no contexto educativo formal, a través do currículo, como nos contextos educativos non formais e informais.


Así pois, o coñecemento competencial integra un coñecemento de base conceptual: conceptos, principios, teorías, datos e feitos (coñecemento declarativo-saber dicir); un coñecemento relativo ás destrezas, referidas tanto á acción física observable como á acción mental (coñecemento procedemental-saber facer); e un terceiro compoñente que ten unha grande influencia social e cultural e que implica un conxunto de actitudes e valores (saber ser).

Nenos e nenas deben aprender en diferentes contextos, en diferentes escenarios e en diferentes ambientes xa que aprenden cando están no parque, na escola, no patio, nos corredores, no supermercado, nos xantares familiares, no teatro, no cine ou nas festas familiares. Por este motivo deben ter normas básicas e coherentes que servan para todos estes escenarios e fan posible que medren nun estado de benestar persoal, social e emocional óptimo.

Tal como nos establecen LAVE E WENGER as aprendizaxes deben ser SITUADAS, contextualizadas.

Dado que a aprendizaxe baseada en competencias se caracteriza pola súa transversalidade, o seu dinamismo e o seu carácter integral, o proceso de ensino-aprendizaxe competencial débese abordar desde todas as áreas de coñecemento e por parte das diversas instancias que conforman a comunidade educativa, tanto nos ámbitos formais como nos non formais e informais. 
 Neste ano 2018 teremos propostas para as familias de E. Infantil e propostas de E. Primaria. 
Os 12 meses teñen un ámbito conductor: A VISIBILIDADE DA MULLER en diferentes eidos da ciencia, da arte, da educación, da literatura,...
Promóvese o deseño de cronogramas con tarefas corresponsábeis no fogar, o uso das TIC e as TAC de forma creativa, receitas saudables, ecoauditorías para mellorar un medio ambiente sostible,  conversas en familia sobre temáticas actuais,...
Estes calendarios dinamizan aprendizaxes funcionais e promoven tamén un desenvolvemento afectivo e emocional no contexto familiar. Trátase de que fillos e fillas e membros adultos das familias aprendan xuntos.
Tamén aparecen PROPOSTAS DE LITERATURA E CINE INFANTIL, PROPOSTAS DE LITERATURA DE ADULTOS ESCRITA POR MULLERES e PROPOSTAS  DE CINE DE ADULTOS DIRIXIDO POR MULLERES.
A continuación, escolma de notas de prensa: