Páginas

jueves, 9 de octubre de 2014

DEIXATE ATRAPAR POLAS PROPOSTAS DE MANUEL JANEIRO

Xa estamos de novo en acción!
Este mes toca deixarnos engaiolar polas propostas literarias de MANUEL JANEIRO, profesor, diseñador, ilustrador e escritor. De tódolos xeitos e, por riba de todo, MANOLO JANEIRO é un mestre para todos nós. 
A súa proposta é un ELOXIO Á LECTURA. Non ofrece un libro ou dos,...ofrece centos!
Cando cae nas nosas mans un libro de Manolo sempre disfrutamos, "vivimos" esas historias ou desexamos ser os protagonistas da trama. A maxia, a dozura, a sorpresa,...sempre aparecen na súa literatura.
De igual maneira, as ilustracións deste artista son auténticas obras de arte e posibilitan unha maridaxe perfecta entre texto e imaxe. A linguaxe visual que este autor ofrece nas súas creacións nos transportan a eses mundos gráficos que moven o corazón, que rachan coa indiferencia.

A continuación, as verbas que este creador ofrece para nós, e que nos leva a un fermoso e marabilloso viaxe sobre a lectura:




Proposta para todas as idades. Eloxio da lectura

Para min, a lectura sempre foi o territorio da liberación, o infinito, o inconmensurable, o eterno. Foi, ademais, a primeira oportunidade que atopei de ser eu mesmo. Non creo que se lle poda ofrecer a ninguén mellor programa que axudalo a se converter en lector. Se agora mesmo falase cun neno universal e imaxinario, diríalle: le e vence ao inimigo. ¿A que inimigo? A calquera: á incerteza, á ignorancia, ao aburrimento, á soidade; incluso á morte. Si, a esa que só é capaz de derrotar o amor e a literatura, e que Andersen chamaba a doncela xeada. Para demostralo atrévome a traducir libremente ao noso idioma a última estrofa do poema O neno moribundo do autor que acabamos de mencionar:

¿Por que apertas as miñas mans?

¿Por que xuntas a túa fazula coa miña?

Está húmida e arde como o lume.

¡Nai, quero ser teu para sempre!

Mais non sigas bagoxando,

Se choras ti, choro contigo.

¡Estou canso! -pechásenme os ollos-

-Nai -¡mira! ¡achégase o anxo e bícame!

Non é casual que traia a estas notas a Hans Chistrian Andersen. É, precisamente o autor que quero recomendar, pero antes gustaríame dicir que, se ben acabo de defender a lectura como instrumento educativo por antonomasia, estou radicalmente en contra da súa "asignaturización". Nada me parece tan terrible como obrigar á lectura, é tan triste como un animal salvaxe nunha gaiola. Detesto esas prácticas docentes que baixo o amparo curricular de "lectura significativa" someten ao neno ao tormento de contestar as preguntas que, cando moito, responden ás lecturas dos "pedagogos". Tipo: "¿por que a princesa non quixo convidar á ra?" Un compoñente esencial da lectura é o pracer, e máis a interpretación diverxente, ¿e como imos sentir pracer cando lemos coa obriga de ter que encher despois un cuestionario? E non digamos nada da pretensión de ofrecer aos nosos nenos textos morais. A chamada literatura infanto-xuvenil, iso que foi ata ben pouco un gran negocio, está repleta de mala escritura. Son textos feitos a medida que desatenden calquera concepto de emoción literaria e que se xustifican pola súa paifoca e pretendida educación en valores. Educar en valores é outra cousa ben distinta á de converter a literatura xuvenil no paradigma da política corrección. Un repertorio de tópicos mal articulados, con nula tensión expresiva e estética, por moito que diga verdades como puños respecto á identidade de xénero, ás familias monoparentais ou ao racismo, non constitúe esa irresistible forza da que goza a verdadeira literatura; a que constrúe lectores. Por suposto que hai excepcións e que pescudando nos catálogos das coleccións infantís e xuvenís atópanse textos magníficos. Non vou citar ningún dos magníficos porque tampouco citei ningún dos deleznables. Pero si que podo expresar unha certeza persoal: o libro infantil que non resiste a lectura dun lector adulto non debería nunca ser recomendado aos lectores de menor idade. A boa literatura infantil sempre foi recoñecida como tal por todo tipo de lectores. Os grandes autores clásicos da literatura infanto-xuvenil non pretenderon selo, non pensaron que existía un tipo de linguaxe literario só apto para menores. Foi todo o contrario, foron sucesivas xeracións de nenos e nenas, de mozos e mozas, as que os elixiron, as que os converteron en predilectos. Foi a recepción, non a produción a que creou a literatura xuvenil. Seguro que todos os que len estas páxina teñen en mente a escritores como Jean Marie Leprince, Robert Louis Stevenson, Charles Dickens, Herman Melville, Rudyard Kipling, Jack London, Lewis Carroll, Xulio Verne o  J. R. R. Tolkien.

O exposto non deixa de ser unha opinión, pero fiel a ela fago a mesma proposta para os nenos que para os adultos. Para ambos segmentos recomendo vivamente ao escritor que xa anunciei: Hans Chistrian Andersen. Ningún dos seus contos en concreto, senón todos. Ou dito de outro modo, os que cada lector prefira. Existe, ao meu xuízo, unha moi notable edición dos Cuentos completos deste autor. Tratase dunha publicación da editorial Cátedra impecablemente introducida, editada, traducida (ao castelán) e anotada polo especialista en filoloxía nórdica Enrique Bernárdez. Ademais da totalidade dos contos de Andersen, incluído o texto autobiográfico titulado: O conto da miña vida sen literatura, recolle unha breve pero significativa antoloxía poética e as extraordinarias e emocionantes ilustracións das primeiras publicacións; debidas aos debuxantes Vilhelm Pedersen e Lorenz Frolich.

Non pretendo eu facer aquí nin en ningures unha aproximación crítica á obra de Andersen. Non me considero capacitado nin é o obxectivo da recomendación. Pero teño para min que nos textos deste autor dáse unha síntese engaiolante entre dúas tradicións: a popular e a culta. Nos seus contos emerxe o sociolóxico, o cotián, o nimio e unha moderna indagación psicolóxica xunto ao marabilloso: o propio dos contos de fadas. De calquera xeito, recoméndoo pola súa intensidade literaria, esa forma de luz tan poderosa que ilumina recunchos escuros de nós mesmos, porque como o propio escritor afirmaba: "No hai asuntos literarios ou non literarios, senón tratamentos literarios de calquera asunto".

Manuel Janeiro.

Gondomar 15 setembro de 2014.